URBANISMO

O Concello participa nun proxecto piloto de formación no manexo do planeamento urbanístico en formato FIP

10/06/2014 O edificio Cersia acolle un curso de capacitación para o manexo das ferramentas destinadas á edición do planeamento en formato FIP (Ficheiro de Intercambio de Planeamento), dentro do programa Red.es. Santiago é o único concello de España no que os seus técnicos se van formar no manexo desta ferramenta de redacción do planeamento urbanístico.

Esta capacitación enmárcase no convenio asinado no seu día polo Concello e a entidade Red.es (entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo). Trátase dun proxecto piloto que pretende constatar que as ferramentas do Programa de Impulso do Urbanismo en Rede da citada entidade poden facer factible que unha entidade local redacte directamente en formato FIP dixital o seu planeamento urbanístico, estendendo desta forma o uso de medios electrónicos e dando un paso máis na consecución dun ciclo de vida dixital completo do planeamento urbanístico, dende a redacción ata a súa aprobación.

En virtude do devandito convenio, Red.es comprometíase a por a disposición do Concello de Santiago as ferramentas necesarias (Editor FIP) para a redacción en formato dixital (FIP) de planeamento urbanístico de desenvolvemento. Tamén asumía a capacitación que agora se está a realizar no Cersia dos técnicos implicados no proceso de redacción, no uso e na administración do conxunto das ferramentas do Programa, así como na explotación da propia información urbanística nos ámbitos local e autonómico.

Ademais, Red.es ofrece soporte no proceso de redacción utilizando as ferramentas do Programa, e implícase na actualización do Rexistro de Planeamento Municipal, para establecer o punto de partida necesario para a utilización do Editor FIP na redacción de novo planeamento, mediante a sistematización das figuras de planeamento vixentes pendentes de incorporar ao Rexistro. Finalmente, contémplanse o desenvolvemento de melloras e adaptacións das ferramentas de redacción en formato dixital para garantir a autonomía e continuidade da súa utilización.

Pola súa parte, o Concello acometerá a redacción en formato FIP de planeamento de desenvolvemento utilizando as ferramentas (en concreto o Editor FIP) e a metodoloxía de sistematización do Programa (Directiva de Sistematización do Planeamento Urbanístico –DSPU-). Logo publicará en Internet o planeamento redactado e sistematizado en formato FIP do Concello de Santiago de Compostela.

Compartir: