SERVIZOS BÁSICOS

A adxudicataria do mantemento do alumeado deberá subscribir un seguro que faga fronte aos roubos de cable

24/01/2014 O concelleiro de Servizos Básicos e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, deu conta dunha sentenza xudicial que condena ao autor dun roubo de cable na rúa Samos, producido en novembro de 2011, a cinco meses de prisión e ao pago de 1.179 euros máis intereses. Expresou a súa "plena satisfacción" por unha sentenza que castiga un delito, o do roubo de cable de cobre, que cada ano provoca un importante gasto ás arcas municipais.

Juan de la Fuente valorou que a colaboración entre Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional neste ámbito tamén teña froito no ámbito xudicial. Indicou que están pendentes outras tres sentencias por este mesmo motivo do roubo de cable de cobre.

Lembrou o concelleiro que a reposición de cable supuxo para o Concello un gasto de 55.000 euros en 2013. En 2012 gastáranse 78.000 euros e, en 2011, 180.000 euros. As últimas reposicións de cable, indicou, xa se viñeron facendo con cable de aluminio, de menos valor económico para os delincuentes.

Para este ano 2014, os orzamentos contemplan unha partida específica de 100.000 euros para facer fronte a posibles roubos de cable e para repoñer o que está pendente nalgúns lugares que a día de hoxe permanecen sen alumeado público. Onde dixo que non lle corresponde ao Concello repor o cable é no tramo de Santa Lucía cuxa titularidade é do Ministerio de Fomento.

Xa cara o futuro inmediato, segue a tramitarse o novo contrato de mantemento do alumeado público. Como novidade, no prego de condicións incluirase a obriga para o adxudicatario de contratar un seguro que se faga dos custos derivados da reposición de cable roubado.

Compartir: