URBANISMO

A bo ritmo as obras da cafetería da Alameda

16/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitaron as obras da cafetería acompañados polo arquitecto César Coll. Os traballos continúan a bo ritmo, co obxectivo de que o novo edificio poida estar rematado na primavera.

O proxecto supón a demolición das dúas construcións actuais, agora anticuadas e que afean a carballeira de Santa Susana. Serán substituídas por un edificio lixeiro, acristalado e perfectamente adaptado ao parque, que servirá para introducir un elemento de arquitectura contemporánea nos xardíns. Será unha construción de calidade arquitectónica pensada para integrar nela as árbores do espazo no que se sitúa. Este edificio permitirá ofrecer a composteláns e turistas un servizo demandado dende hai anos: unha cafetería para gozar da Alameda e das súas vistas.

A primeira fase das obras consistiu no valado da obra e na demolición da caseta situada xunto á Porta dos Leóns. O outro inmoble utilizarase como caseta de obra. Tras a demolición realizáronse os estudos xeotécnicos e a escavación dos cimentos da base do edificio e do pequeno soto que vai ter. Finalmente, comezouse a construír a estrutura. Na segunda fase remataranse os detalles e se demolerase a caseta xunto ao palco para facer a terraza aberta.

Esta actuación enmárcase no proceso de remodelación e rehabilitación do parque da Alameda, que incluíu xa a rehabilitación do espazo de Santa Susana, co acondicionamento dun local para os xardineiros e a retirada do galpón existente; a reforma dos aseos da Alameda; a reparación das escaleiras de Porta Faxeira e a rehabilitación do estanque.

Compartir: