URBANISMO

Unha glorieta en Galeras e o dobre sentido na rúa de Domingo García-Sabell permitirán eliminar o tráfico de Carretas e Hortas

08/01/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que no prazo dunhas dúas semanas comezará as obras de modificación de veiros e reforma de accesos ao estacionamento nas rúas Galeras e Domingo García-Sabell. Construirase unha glorieta que unirá Galeras e García-Sabell, rúa esta que pasará a ter dobre sentido. Carretas e Hortas quedarán unicamente para o tránsito de residentes e servizos.

Esta actuación ten un orzamento de 766.725 euros, que sufragará integramente a empresa que xestiona o estacionamento soterrado de Galeras, Tugalo. Así, "a empresa consegue mellorar os accesos ao aparcadoiro e o Concello, sen ningún custo para as arcas municpiais, mellorar o tránsito viario nunha zona de alta concentración de vehículos e eliminar o problemático paso de tráfico polas rúas Carretas e Hortas", explicou María Pardo. A obra ten un prazo de execución de seis a sete meses e non fará preciso interromper o tráfico.

O proxecto ten por obxecto, por unha parte, as obras de urbanización para a execución da rotonda na rúa Galeras na súa conexión con García-Sabell e o do vieiro de acceso ao devandito estacionamento situado na planta soto-1, que se atopa baixo os edificios residenciais. Eliminarase desta forma a actual entrada de Galeras ao aparcadoiro. A execución da rotonda implicará o cambio da parada de autobuses e da situación dos colectores do lixo.

Inclúese tamén a modificación do trazado da rúa Domingo García-Sabell na súa conexión coa rúa Carretas e coa subida cara San Francisco. Nesta confluencia situarase unha illa, que obrigará a ocupar unha parte do espazo do actual estacionamento da Facultade de Odontoloxía.

Deste xeito, a rúa Domingo García-Sabell terá dobre sentido, quedando as rúas Carretas e Hortas para tránsito residencial e de servizos. Neste punto, a concelleira lembrou a reiterada demanda veciñal de retirada destas rúas do tráfico de vehículos, causantes de importantes problemas de ruído e de deterioro da propia calzada.

A outra parte do proxecto son as obras de reforma dos accesos e núcleos de comunicación do aparcadoiro existente na rúa Galeras, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Neste sentido, instalaranse catro ascensores para acceder ao estacionamento dende a superficie.

Documentos relacionados



Compartir: