FESTAS

O pregón do actor Manuel San Martín e a actuación de Rosa dan comezo ás Festas do Apóstolo

14/07/2006 As Festas do Apóstolo arrincan coa lectura do pregón, que correrá a cargo do actor galego Manuel San Martín. Para este compostelán de nacemento supón "un soño que a miña cidade me elixise para inaugurar as festas do Apóstolo. Tras pasar un tempo fóra da miña cidade é todo un orgullo e unha emoción indescritible volver ás miñas raíces con este encargo. Isto non é máis cun regalo para min, algo que só ocorre unha vez na vida e que penso gozar como un compostelán máis".

Tralo pregón de Manuel San Martín tocará o turno de cantar e bailar cos sons do último disco da granadina Rosa, "Me siento viva". O concerto terá lugar no Obradoiro e a entrada é gratuíta. Rosa chega a Santiago cunha imaxe renovada, con novas ilusións e coa súa destacable voz, algo que xa se puido comprobar no seu recente paso polo programa de televisión "¡Mira quién baila!".

Rosa foi recibida no concello polo alcalde da cidade, Xosé. A. Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro. A cantante convidou a todos a que se acheguen ata o Obradoiro a gozar dos seus sons. A entrada é gratuíta e terá lugar xusto despois do pregón.

Rosa sinalou que o seu novo disco reflicte o estado de ánimo no que se atopa na actualidade. A cantante destacou que o espectacular cambio físico que sufriu lle serviu para ordenar moitos aspectos da súa vida. Nos últimos tempos apréciase un cambio de actitude, amósase optimista e só quere ter "una vida sa, un público san, una prensa sa e, sobre todo, facer unha música sa".

O seu éxito no programa televisivo "¡Mira quién baila!" axudouna moito neste proceso de cambio. Tal e como afirma, "co baile conseguín sentirme libre e quitar de enriba os típicos medos que te invaden cando sobes a un escenario".

Para este último traballo a granadina conta de novo cos irmáns Ten, quen xa traballaron con ela no segundo e cuarto disco. Respecto ao fenómeno de Operación Triunfo, Rosa non quixo pasar a oportunidade de sinalar o traballo que fan para que os máis novos gocen coa música, pero tamén afirmou que hai que ter coidado cos extremos, xa que unha vida artística leva consigo un esforzo moi importante.

18 días de festas e un cartel de luxo

O programa deste ano conta cunha gran variedade de actividades pensadas para toda a familia, os máis mozos e os turistas. Haberá catorce grandes espectáculos e concertos que se celebrarán na Quintana e no Obradoiro. Ademais, as actividades tradicionais terán un lugar destacado, ao igual que a mostra de folclore galego, as orquestras, as actuacións para nenos, o concerto multicultural e as diferentes actividades polas rúas da cidade. As festas, que durarán 18 días, contarán con máis de 60 actividades.

Compartir: