PARQUES E XARDÍNS

A praza de Galicia deixará de ser só un lugar de paso para albergar un parque infantil e unha zona de estancia familiar

02/12/2013 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, presentou o proxecto de reforma da praza de Galicia. Este espazo, tránsito entre o casco histórico e o Ensanche, albergará agora un parque infantil. Investiranse 149.973 euros nunha intervención que estará rematada nun prazo de dous meses.

Esta actuación pretende que "esta non sexa unha mera zona de paso, senón unha zona de estancia familiar", indicou María Pardo. Dada a imposibilidade dunha reurbanización, debido á existencia dunha concesión no aparcadoiro soterrado baixo a praza, apuntou que o parque era unha boa solución parra un "espazo desaproveitado" na actualidade.

Para a construción do parque, retirarase a caseta metálica da praza, que será trasladada a Tras Parlamento. Construirase un parque infantil duns 240 metros cadrados, dividido en dúas áreas, separadas da calzada, por unha parte, cun muro vexetal de 1,80 metros. "Trátase de crear unha barreira visual e de seguridade cos vehículos", explicou a concelleira. O resto da praza, indicou, non levará ningún cerramento.

Un elemento destacado será a fonte que levará na parte central. Tamén se renovará parte das especies vexetais e instalarase novo mobiliario, como cadeiras e unha pérgola.

En canto ao parque, facendo honor ao nome a praza, intentará recrear nas súas dúas zonas, a través do seu chan e dos seus elementos de xogo, a Galicia dos bosques e a Galicia marítima. Está área infantil, ao igual que todas as que se están construíndo na cidade, levará elementos adaptados.

Compartir: