PARQUES E XARDÍNS

A praza de Vigo converterase nun espazo máis humanizado e para o lecer familiar

26/11/2013 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, María Pardo, visitou a praza de Vigo, onde se vai construír un novo espazo recreativo con parque infantil, circuíto saudable, zona axardinada e renovado mobiliario. Este céntrico lugar da cidade adquirirá así un aspecto máis humanizado, permitindo aos adultos o coidado dos nenos nunha zona próxima ás súas residencias. Estímase que as obras deste parque, xa adxudicadas, estean rematadas a finais de xaneiro.

Para a elaboración do proxecto final partiuse dunha memoria redactada polos servizos municipais, a partir da cal as empresas ofertantes tiveron que facer unha proposta de ideas. A intervención divídese en dúas partes: a obra civil e a xardinería, e a parte que inclúe os xogos infantís, o circuíto biosaudable, o mobiliario e xogos de auga no estanque existente.

Así, no capitulo da obra civil e xardinería, realizaranse novas plantacións vexetais, construiranse valos e portas ou a reubicaranse os bancos existentes, entre outros aspectos. Xa no eido particular da xardinería, plantarase unha nova árbore e as especies arbustivas situaranse segundo os planos xa delimitados.

En canto á área de xogos, esta facilitará o uso por nenos e nenas de distintas idades e condición física, asegurando igualmente o acceso daqueles con mobilidade reducida. Entre os elementos destacados presentados pola adxudicataria figura un solo a modo de xogo da oca. Haberá unha cabana grande, balancíns, carrusel...

O circuíto biosaudable contará con elementos axeitados tanto para o acondicionamento físico como de saúde integral. Os aparellos estarán acompañados de carteis informativos sobre o circuíto e sobre cada elemento.

Fonte automatizada e valo perimetral
O mobiliario desta nova área estará integrado por bancos, papeleiras, carteis e fontes. En relación a estas últimas, o pequeno estanque existente levará un sistema automatizado formado por varios difusores que suporán un complemento estético e, ao mesmo tempo, un xogo para os nenos.

Outra das actuacións máis importantes na praza será a colocación dun valo perimetral, cunha altura de 1,5 metros, que permitirá pechar o parque pola noite. Terá catro portas, cun peche único para todas. A zona axardinada tamén estará protexida por un valo, pero neste caso de 0,90 metros de altura.

En total, actuarase sobre unha superficie de 400 metros cadrados, complementada polas que tamén se farán nas beirarrúas.

Compartir: