VÍAS E OBRAS

En marcha as obras en Pontepedriña, Lamas de Laraño, Casas Novas, Fontiñas e Viso

08/11/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, informou sobre as obras en marcha nestes intres nos barrios e sobre outras a piques de comezar. Trátase de actuacións en nove sectores da cidade, ás que se destinarán case 400.000 euros, que se suman a outras obras xa executadas, para totalizar 531.279 euros.

As obras xa en marcha son as correspondentes a Lamas de Laraño (9.257 €), Fontiñas (66.904 €), Viso (76.237 €), Casas Novas (13.125 €) e Pontepedriña (24.631 €). Comezarán na vindeira semana as actuacións en Amio (55.667 €) e Guadalupe (96.823 €). Xa en procedemento de contratación están as obras de asfaltado na Fervenza (Conxo), por 51.881 €, e de colocación dunha valo de seguridade en Vidán – Sarela, cun custo de 5.075 euros).

Rampla en Rosalía de Castro
Tamén deu conta o concelleiro da intervención que está a executar a Brigada de Vías e Obras na rúa Rosalía de Castro, substituíndo a rampla de acceso ás instalacións da ONCE. Indicou que "a rampla de madeira actual, que ten provocado numerosos esvaróns, será substituída por unha con lousas e cemento". A obra terá un custo en materiais duns 3.000 euros.

Obras no Ensanche
Outras obras que se iniciarán en breve son as da terceira fase das melloras en calzadas e beirarrúas no Ensanche. Trátase dos traballos de renovación de firmes e pavimentos nas beirarrúas de Doutor Teixeiro e República Arxentina, de colocación de aglomerado na calzada en San Pedro de Mezonzo (entre República Arxentina e A Rosa) e de renovación de beirarrúas en Santiago de Chile.

Nova fase de eliminación de fochancas
Finalmente, Juan de la Fuente anunciou que, unha vez que o clima o permita, se iniciará unha nova fase de tapado de fochancas, que executará tamén a Brigada de Vías e Obras. Tal como sucedera en fases anteriores, os veciños poden formular as súas demandas ao Departamento.

Compartir: