OBRAS

Case medio millón de euros para obras de mellora en calzadas e beirarrúas de varios barrios de Compostela

14/08/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, deu conta de varios proxectos de mellora de calzadas e beirarrúas en nove sectores de barrios da cidade. En total, as obras previstas suman un investimento de 485.645 euros. A previsión do edil é que estas actuacións, agora en fase de contratación, poidan iniciarse a mediados de setembro.

Entre as obras, destacan polo seu importe, 96.823 euros, as melloras en varios viarios do barrio de Guadalupe: pista baixa do camiño de Guadalupe, pista do campiño de Guadalupe ata o cruce, cruce do campiño con cima da Eira, cima da Eira, pista cara Chan de Curros e acceso a Chan de Curros. Tamén será importante (79.793) o investimento a realizar na parroquia de San Xoán de Afora (Romaño), con obras na travesía de Vista Alegre, na rúa dos Cabalos, no camiño da Burata e na pista de Casal da Horta.

En Viso, construiranse beirarrúas no acceso ao barrio, con actuacións tamén en canalizacións e calzada (76.239 euros). O proxecto de Fontiñas (66.904 euros) contempla fundamentalmente a mellora de beirarrúas en rúas como Jaca, Cotaredo e Monte dos Postes. Tamén no sector 28, pero neste caso xa en Amio e cun investimento previsto de 55.667 euros, intervirase nas calzadas dos seguintes vieiros: Pena María, Mira, Canteira de Abaixo, Entre Rúas, San Lázaro e Campiña.

Outra das obras que se licitará será a da primeira fase das beirarrúas na rúa Cañoteira, en Meixonfrío, nas que se gastarán 63.203 euros. En Pontepedriña, actuarase na praza de León, na rúa Samos, en Palas de Rei e na ribeira do río (24.632 euros). As intervencións nos barrios completaranse con obras de pavimentación en San Paio - Casas Novas (13.125 euros) e coa ampliación da rede de saneamento en Laraño (9.257 euros).

Juan de la Fuente sumou estas obras a outra xa realizada no barrio de Conxo pola Brigada de Vías e Obras, que permitiu facer reparacións en calzadas, fonte e parque, ademais da substitución de colectores do lixo. Unicamente queda por instalar alumeado público no acceso ao parque.

Compartir: