Viernes 17 de octubre 2014

Axenda

Exposición "O Asorey descoñecido" no Pazo de Fonseca

A colaboración estable entre a Asociación Cultural Francisco Asorey e o Concello de Santiago de Compostela, conxuntamente coa Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago, fai posible a exposición O Asorey descoñecido. Esta proposta pretende homenaxear ao escultor galego Francisco Asorey, que foi un dos grandes artistas do século XX nun terreo onde non só destacou coa súa perfección técnica, senón tamén pola innovación en técnicas de policromía da madeira que nunca antes se utilizaran.

125 anos despois do seu nacemento, a crítica considera este artista como o máis grande escultor galego dende o Mestre Mateo e un dos escultores máis importantes do século XX en España. Con tal motivo preparouse esta exposición, que conta con vinte obras que percorren todas as épocas creativas, dende os 14 anos ata o ano do seu pasamento. Tamén se amosa unha boa compilación dos materiais que el utilizou: xeso, madeira, pedra, bronce…

Obras emblemáticas como o San Cristóbal, Cabaleiros Negros, Lo jondo ou o Busto da señora Hall integran este proxecto expositivo, xunto con outras que por primeira vez que se expoñen ao público. Tamén se incorporan fotografías de gran formato para deixar constancia do importante número de monumentos que Asorey realizou en moitas cidades e vilas galegas, así como noutros países de Sudamérica, ademais daquelas que xa se expuxeran hai tres anos e que pola súa importancia tiñan que formar parte desta mostra. Por outra parte, esta é unha nova ocasión para gozar coa exposición de fotografías de época de Ksado e materiais do artista como gubias, pinceis, libros de arte…

A exposición complétase cun vídeo explicativo da técnica creativa da policromía -utilizada por vez primeira por Asorey-, dous monitores táctiles dotados de software que axudan a comprender o traballo realizado polo artista e unha aplicación para dispositivos Android. O catálogo estará dispoñible en formato dixital en castelán, galego e inglés a través de códigos QR.

Do 1 ao 31 de outubro no Pazo de Fonseca.

Axenda

UKP. Ukelele Kit Project

Ukelele Kit Project é unha exposición colectiva e multidisciplinar na que participan perto de 30 creadores galegos – ou vencellados a Galicia - provenientes do mundo da arte, a música e o audiovisual; creadores que partindo dun obxecto físico concreto, puxeron a traballar a súa imaxinación para dar lugar a un proxecto diferente, orixinal e divertido que agora se presenta en formato exposición.

Ata o 7 de decembro, na Zona C.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Exposición "As fotos máis antigas de Galicia" no CSC das Fontiñas

A mostra As fotos máis antigas de Galicia, producida pola editorial Alvarellos, inicia o seu percorrido por varios centros socioculturais. Exhíbense 19 imaxes de Santiago de Compostela e unha de Ferrol datadas en 1858, obras do artista compostelán Andrés Cisneros, pioneiro da fotografía española. Parte destas imaxes integrarían un álbum de agasallo á raíña Isabel II, que en setembro de aquel ano visitou Galicia.

Do 7 ao 21 de outubro, no Centro Sociocultural das Fontiñas, no horario habitual do centro, de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Axenda

Exposición antolóxica de Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinacións

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan a exposición Mar interior. Miguelanxo Prado, unha mostra antolóxica do debuxante galego, a primeira que se realiza en Galicia.

A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado. Divídese en dúas partes. A sala grande do museo está dedicada ao mar, unha constante na traxectoria do artista e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con distintas ilustracións que teñen en común esta temática. Nesta mesma sala móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que Prado sente unha especial debilidade. Ademais, en tres vitrinas recóllese unha selección das súas obras en distintas linguas, xa que é un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas.

Noutra sala pódese ver un compendio dos seus primeiros traballos no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra. Neste espazo tamén se lle rende unha pequena homenaxe ao Xabarín, que Miguelanxo Pradou creou nos noventa. E proxéctase Os Vixilantes do Camiño, a serie de animación en 2D que produciu para a Televisión de Galicia en 1999, inspirada no Camiño de Santiago e que protagonizan os personaxes do Xabarín Club.

Ata o 31 de decembro, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Axenda

"A tempestade", de Shakespeare

A tempestade é a guinda máis extravagante para a carreira dun xenio na súa senectude. A derradeira obra de Shakespeare é tamén a declaración de intencións dun autor inquedo que prefire enterrarse nas areas brancas dunha praia de fantasía que nunha realidade que xa soubera definir coma ninguén. A tempestade de Voadora bebe de todas as fontes posibles, o único teito é o ceo e a única prohibición é o aburrimento.

No Salón Teatro:
Xoves 2 outubro, 20:30 h
Venres 3 outubro, 20:30 h
Sábado 4 outubro, 20:30 h
Domingo 5 outubro, 18:00 h
Xoves 9 outubro, 20:30 h
Venres 10 outubro, 20:30 h
Sábado 11 outubro, 20:30 h
Domingo 12 outubro, 18:00 h
Xoves 16 outubro, 20:30 h
Venres 17 outubro, 20:30 h

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Compostela Cine Classics 2014: "Johny Guitar", de Nicholas Ray

O CSC de Santa Marta acolle a proxección de Johnny Guitar, un dos mellores westers da historia, dirixido por Nicholas Ray no ano 1954. A continuación café con Margarita Ledo Andión, directora e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC.

O venres 17 de outubro, ás 20:30 horas, na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Cuerdas", no Teatro Principal

"Cuerdas fálanos dos fillos sen pais e dos pais sen fillos, da xordeira que produce escoitarse con demasiada atención durante demasiado tempo, da dor que encerran as palabras que nunca se chegan a dicir e do bálsamo do silencio para as feridas abertas polas palabras ditas, de calarse antes de tempo ou de falar demasiado tarde", di a directora compostelá Fefa Noia.

O venres 17 de outubro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Concerto polo 25º aniversario do Auditorio de Galicia

Polonia e Finlandia… Din que Witold Lutoslawski foi o compositor polaco máis eminente despois de Chopin. Segundo declaraba el mesmo, Lutoslawski quería "pescar almas" coa súa música, algo que sen dúbida conseguiron o seu compatriota Frédéric Chopin cos seus concertos para piano e o seu veciño Jean Sibelius, pai do nacionalismo musical finés, coa renovadora Terceira Sinfonía. A Real Filharmonía de Galicia contará para este concerto co solista Nicholas Angelich ao piano.

O venres 17 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

LA M.O.D.A. no Compostela Rock

La Maravillosa Orquesta del Alcohol é un orixinal sexteto que mestura música acústica e instrumentos como acordeón, banjo, mandolina e saxofón. Cun son que bebe do folk, o blues, o country e o rock & roll, esta banda burgalesa (tamén coñecidos como La M.O.D.A) leva case 3 anos sen parar de facer cancións e actuar por todo o país: en festivais, como teloneiros de artistas internacionais (Dropkick Murphys, Frank Turner), en salas, bares e na rúa. Abre o concerto Heavy Tiger, un power trio de mozas de rock and roll de Estocolmo.

O venres 17 de outubro, ás 21:00 horas, na Sala Capitol.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: