Domingo 8 de diciembre 2013

Axenda

"Rúas de Compostela. De onte a hoxe", na Casa do Cabildo

Rúas de Compostela. De onte a hoxe é o título da nova exposición na Casa do Cabido, organizada polo Consorcio de Santiago, que propón un percorrido a través da historia e da evolución do rueiro, con informacións sobre a orixe dos seus nomes, a súa historia e os seus veciños. Tamén se inclúen mapas históricos da cidade e algunhas das antigas placas cos nomes das rúas que estiveron colocadas ata 1965.

A exposición conta coa colaboración do Ateneo de Santiago coa inclusión dun vídeo con fotografías antigas da cidade.

Ata o 30 de decembro de 2013, na Casa do Cabildo.
Martes a sábados: 10:00-14:00 e 16:00-20:00 h.
Domingos: 11:00-14:00 h.

Axenda

"O bosquexo do mundo", no Auditorio

A exposición O bosquexo do mundo sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo" como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos 70. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

A relación de 21 artistas que participan nesta exposición é a seguinte: Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986); Berta Cáccamo (Vigo, 1963); Bosco Caride (Vigo, 1963); Rosendo Cid (Ourense, 1974); Tamara Feijoo (Ourense, 1982); Beatriz Lobo (Vigo, 1985); Juan Loeck (Santander, 1959); Rut Massó (Vigo, 1970); Din Matamoro (Vigo, 1958); Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965); Tatiana Medal (A Coruña, 1971); Miguel Mosquera (Ourense, 1953); Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986); Kiko Pérez (Vigo, 1982); Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965); Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955); Juan Carlos Román (Bilbao, 1961); Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963); Tayone (Vigo, 1980) e Mauro Trastoy (Ferrol, 1971).

Ata febreiro de 2014, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Exposición fotográfica "Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade"

As 44 fotografías dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau amosan os puntos comúns destas dúas peregrinacións milenarias.

Do 30 de outubro de 2013 ao 11 de abril de 2014, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

Exposición "El Ártico se rompe" no parque da Alameda

O Parque da Alameda acolle a exposición El Ártico se rompe, organizada pola Obra Social "la Caixa" en colaboración co Concello de Santiago. Esta mostra permitirá aos asistentes vivir unha experiencia única a través dun novo formato expositivo que os trasladará ao ecosistema Ártico. Esta proposta innovadora ten como punto forte as impactantes imaxes do prestixioso fotógrafo Andoni Canela. Tomando estas fotografías como pretexto, desenvolvéronse unha serie de módulos interactivos e museográficos que permiten mostrar a singularidade do ecosistema ártico.

El Ártico se rompe quere promover o pensamento crítico e sensibilizar sobre os efectos do cambio climático neste territorio e as consecuencias para o resto do planeta.

A exposición está dividida en cinco ámbitos distintos:

- Unha ventá ao Ártico: introdución da exposición.
- O clima ártico: o papel que xoga o xeo.
- A vida nunha situación extrema: adaptacións de animais e plantas ás condicións do Ártico.
- A pegada humana: a vida no Ártico antes e agora.
- As luces do Norte: o fenómeno das Auroras Boreais.

A exposición dispón de contidos accesibles para persoas invidentes e conta tamén con audioguías e material adaptado.

No marco desta exposición ofrécense visitas guiadas gratuítas:

- Visitas entre semana: Dirixidas a asociacións, entidades e centros educativos. Para poder participar é indispensable concertar día e hora chamando ao número de teléfono 902 906 666.

- Visitas comentadas para público xeral: de luns a venres ás 18:00 horas e fins de semanas e festivos ás 13:00 e ás 18:00 horas. Non é necesaria reserva previa.

Do 21 de novembro ao 12 de decembro de 2013, no parque da Alameda.

Horarios de visita libre:

- Luns a venres: 12:30 h - 14:00 h / 17:00 h - 21:00 h.

- Sábados, domingos e festivos: 10:30 h - 14:30 h / 16:30 h - 21:00 h.

Axenda

Vive o Nadal

A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha unha nova edición de Vive o Nadal, cunha variada proposta de actividades socioculturais. Son máis de 200 accións distintas en 37 centros socioculturais. Ademais, o programa conta novamente cun servizo de actividades matinais de conciliación para as familias compostelás, con 195 prazas repartidas entre oito centros socioculturais.

Decembro e primeiros días de xaneiro nos centros socioculturais.

Axenda

XII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán

Compostela acolle do 5 ao 8 de decembro os espectáculos de seis compañías afeccionadas no marco do XII Festival de Teatro Amador Agustín Magán.

Do 5 ao 8 de decembro, no Teatro Principal e no Salón Teatro.

Compartir: