Na consecución dunha cidade sustentable son obxectivos fundamentais o incremento do benestar das persoas e da calidade ambiental do contorno urbano. A sustentabilidade búscase dende a definición dun modelo de cidade coherente, atento á cualificación crecente de espazos públicos urbanos e á súa aproximación á excelencia ambiental no ciclo da auga, da xestión integral dos residuos e da planificación enerxética.

O proxecto urbano-ecolóxico está rexido pola recuperación integral do Casco Vello de forma complementaria a unha transformación e evolución urbanística da cidade. Esta recuperación integral persegue a súa conservación e recuperación material e cultural, capaz de perservar a súa harmonía e beleza como grande espazo público presidido pola monumentalidade pero tamén como espazo social, cultural e economicamente activo. Este proxecto está inserido nun contexto de planificación territorial atento á preservación e valorización dos recursos naturais e paisaxísticos e á mellora da calidade ambiental.

A dotación de parques urbanos concibidos como espazos públicos está destinada á creación de lugares de encontro que serven para fomentar o aglutinamento e a interacción social que precisan os barrios en torno ás áreas de lecer. Os parques de San Domingos de Bonaval, Belvís, Galeras ou o Simeón son exemplos desta liña de actuación.

Compartir: