Programa de Inclusión de menores a cargo

Descrición

O Programa de Inclusión de menores a cargo é concebido como un recurso social de intervención profesional e apoio personalizado que, dende a perspectiva educativo-social, aborda as situacións carenciais que presentan as persoas naqueles hábitos de vida que repercuten negativamente no axeitado desenvolvemento dos menores da unidade familiar. O traballo é desenvolvido con cada unidade familiar, coa finalidade de promover as habilidades e o coidado parental das persoas adultas beneficiarias do Programa.

Son destinatarias do Programa de Inclusión de menores a cargo a pluralidade de unidades familiares en exclusión ou risco de exclusión social, que teñan menores ao seu cargo. Así, o programa diríxese con carácter xeral ás familias da comunidade de referencia dos servizos sociais comunitarios, con atención prioritaria a aquelas unidades de convivencia que se atopen en situación de maior vulnerabilidade, nas cales exista presenza de menores en risco de desatención ou nas cales se identifiquen outros factores que revelen unha situación de risco de exclusión social ou pobreza infantil. Tamén se dará apoio a aquelas unidades de convivencia voluntaria con funcións análogas á familiar, sempre que favorezan a autonomía e a integración social das persoas que as constitúen.

O Programa de Inclusión de menores a cargo está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático de promoción da igualdade, a saúde e a inclusión social, para Promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, fomentando a educación en igualdade e a corresponsabilidade, favorecendo a integración, promoción e participación das familias ou unidades de convivencia en todos os ámbitos da vida comunitaria, previndo as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou unidades de convivencia, ou a algún dos seus membros, con especial atención aos menores de idade, e apoiando ás unidades familiares que, por escaseza de recursos económicos, non poden facer fronte o uso de gastos relacionados cos menores: comedor escolar, material escolar, actividades de ocio e tempo libre...

Solicítase en

Puntos de Atención de Servizos Sociais do Concello – PASS
Cita Previa: 981 542 465
Correo: ssociais@santiagodecompostela.gal


Compartir: