Proxecto Apego

Descrición

APEGO é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e axudar ao seu mantemento.

Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo.

Desde a organización do proxecto elaboráronse unha serie de items cos que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego. Tamén se creou un espazo virtual de información e intercambio que servirá de punto de encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen incorporar ou manter o galego. Este espazo (apego.gal) será unha porta aberta á oferta municipal en galego para estas idades mais tamén o quere ser ás iniciativas sociais de calquera tipo que concorden cos obxectivos do Apego.

A través da web, as familias interesadas poden sumarse á comunidade do Apego para recibiren de xeito máis directo a información e o apoio. E tamén se poderán sumar grazas á campaña informativa que se distribúe na rede sanitaria e que os invita a achegárense ao servizo de normalización para recoller os agasallos de benvida. Estes agasallos están deseñados para dous momentos -unha caixa que se entrega ás nais xestantes e un CD cunha selección musical que poderán recoller no momento en que o neno ou nena estea empadroado- e cun obxectivo: contribuír a que as familias teñan unha visión positiva da nosa lingua e se animen a transmitila.

Ademais destes ítems, que queren estar presentes durante os primeiros anos da crianza, iranse organizando accións de intercambio e socialización coas que enriquecer o uso da lingua, crear ou manter redes colaborativas e apoiar o labor das familias (obradoiros sobre recursos para educadores, de cantos de berce, xogos de dedos, contacontos, concertos para bebés...).

Dirixido a

Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos, facilítalle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas infantís, as ludotecas ou os parques.

Notas para o cidadán

Máis información:
www.apego.gal

www.facebook.com/apego.gal

http://apego.santiagodecompostela.gal (programación infantil con apego)

Solicítase en

Lingua galega
Enderezo: Pazo de Raxoi, entrada polo baixo da Travesía de Raxoi, 1º andar
Tel.: 981 542 409
Web: http://www.facebook.com/linguagalegasantiagodecompostela


Compartir: