Sistema de compensación

Descrición

Constitúe o sistema de actuación indirecto tradicional no que a xestión e financiamento da urbanización faise por conta dos propietarios constituídos en Xunta de Compensación. Os propietarios aportan os terreos de cesión obrigatoria e gratuíta e realizan pola súa conta a urbanización nos termos e condicións que se determinan no plan.

É necesario que os propietarios que representen o 50% da superficie do polígono presenten un proxecto de Estatutos e Bases de actuación, no prazo máximo de 3 meses, contados dende a aprobación definitiva do planeamento que conteña a ordenación detallada.

De acordo cos Estatutos e Bases presentados deberase constituír a Xunta de Compensación que terá natureza administrativa e personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Procedemento para a constitución da xunta de compensación

1.Presentación, por parte dos propietarios que representen máis do 50% da superficie do polígono, no prazo máximo de 3 meses dende a aprobación definitiva do planeamento dos proxectos de Estatutos e Bases de Actuación.

2.Aprobación inicial dos Estatutos e Bases pola Xunta de Goberno Local

3.Publicación do acordo de aprobación no Boletín Oficial da Provincia e nun dos xornais de maior circulación, e información pública por prazo de vinte días.

4.Notificación individual aos propietarios afectados.

5.Aprobación definitiva pola Xunta de Goberno Local, no prazo máximo dun mes, transcorrido o cal entenderase aprobado por silencio administrativo.

6.Requirimento aos propietarios para que soliciten a súa incorporación se non a tivesen solicitada con anterioridade.

7.A xunta de compensación deberá constituírse no prazo máximo dun mes, desde a aprobación definitiva de estatutos e bases de actuación

8.Notificación individualizada aos propietarios afectados, para que constitúan a xunta de compensación no prazo indicado.

9.Un representante do municipio formará parte do órgano rector da xunta de compensación en todo caso, e será designado no acordo de aprobación definitiva das bases e estatutos.

10.Os acordos da xunta de compensación adoptaranse por maioría simple das cotas de participación, agás o de aprobación do proxecto de compensación, que requirirá a maioría absoluta de cotas, e aqueles outros para os cales os estatutos esixan unha maioría cualificada.

11.Os acordos da xunta de compensación serán recorribles ante o municipio.

Procedemento para a incorporación de propietarios á xunta de compensación

1.Os propietarios que non o fixesen nun momento anterior poderán facelo no prazo dun mes, a partir da notificación do acordo de aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación da xunta de compensación.

2.Transcorrido o dito prazo, a incorporación só será posible se non entorpece o desenvolvemento do proceso e o aproba a xunta de compensación, de conformidade cos seus estatutos.

3.Se algúns propietarios do polígono non se incorporaran á xunta de compensación, esta poderá solicitar do municipio, ben a expropiación dos ditos predios, tendo a condición de beneficiaria, ben a ocupación dos ditos predios en favor da xunta de compensación co fin de posibilitar a execución das obras de urbanización previstas.

4.Poderán tamén incorporarse á xunta de compensación empresas urbanizadoras que vaian participar cos propietarios na xestión do polígono.

Responsabilidades da xunta de compensación e obrigas dos propietarios

1.A xunta de compensación será directamente responsable, fronte á administración competente, da urbanización completa do polígono e, de ser o caso, da edificación dos soares resultantes.

2.O incumprimento polos membros da xunta de compensación das obrigacións e cargas impostas pola lei, habilitará o municipio para expropiar os seus respectivos dereitos en favor da xunta de compensación, que terá a condición xurídica de beneficiaria.

3.As cantidades debidas á xunta de compensación polos seus membros poderán ser esixidas por vía de constrinximento, logo da petición da xunta de compensación ao municipio.

Procedemento para a tramitación do proxecto de compensación

A formulación do proxecto de compensación correspóndelle á xunta de compensación. O procedemento para a súa aprobación é o seguinte:
  • A aprobación inicial correspóndelle á xunta de compensación
  • Información pública por un período mínimo de 20 días, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
  • Notificación individualizada aos interesados.
  • Aprobación definitiva pola Xunta de Goberno Local. Debe producirse no prazo de 2 meses, contados dende o remate do trámite de información pública. Transcorrido o prazo sen resolución expresa o silencio será positivo, agás que durante a instrución do expediente o no trámite de información pública se tivesen presentado alegacións por parte dos propietarios afectados; neste caso o silencio será desestimatorio.
  • Publicación do acordo de aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.
  • Notificación do acordo aos interesados.
  • Inscrición do proxecto no Rexistro da Propiedade.

Tramítase en

Servizos urbanísticos: Planeamento urbanístico
Enderezo: Praza do Obradoiro, 1-2º andar
Tel.: 981 542 426
Fax: 981 542 427
Correo: Contactar co Concello
Horario: O persoal técnico atende ao público previa cita (teléfono: 981 542 420).


Compartir: