Sistema de cooperación

Descrición

Neste sistema de actuación os propietarios aportan o solo de cesión obrigatoria e a administración executa as obras de urbanización con cargo a eles.

A administración asume a responsabilidade directa do proceso de execución, e a súa aplicación esixe a aprobación do proxecto de reparcelación dos terreos comprendidos no polígono, como instrumento de equidistribución.

Os propietarios que representen, cando menos o 25% da superficie total do polígono poderán ofrecer a súa colaboración ao municipio, que se concretará na entrega de planos, documentos e calquera tipo de antecedentes, así como na elaboración e presentación do proxecto de reparcelación.

No caso de que os propietarios chegasen a presentar o proxecto de reparcelación, o municipio estará obrigado a tramitalo.

Procedemento para a aprobación do proxecto de reparcelación

O proxecto de reparcelación poderá ser formulado de oficio polo Concello ou polos propietarios que representen, como mínimo, o 25% da superficie do polígono.

O procedemento para a súa aprobación é o seguinte:
  • A aprobación inicial correspóndelle á Xunta de Goberno Local.
  • Información pública por un período mínimo de 20 días, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
  • Notificación individualizada aos interesados.
  • A aprobación definitiva correspóndelle á Xunta de Goberno Local. Debe producirse no prazo de 2 meses, contados dende o remate do trámite de información pública. Transcorrido o prazo sen resolución expresa o silencio será positivo, agás que durante a instrución do expediente o no trámite de información pública se tivesen presentado alegacións por parte dos propietarios afectados; neste caso o silencio será desestimatorio.
  • Inscrición do proxecto de reparcelacion no Rexistro da Propiedade.

Procedemento para a tramitación da reparcelación voluntaria

A proposta de reparcelación será formulada polos propietarios afectados; deberá estar formalizada en escritura pública e constará a aceptación de todos eles.

Información pública polo prazo de 20 días, mediante anuncio que se inserirá no Boletín Oficial da Provincia.

Informe dos servizos municipais.

Aprobación definitiva pola Xunta de Goberno Local

O proxecto entenderase aprobado se, transcorrido un mes dende a finalización do trámite de información pública, non se produce acordo expreso de aprobación.

A inscrición no Rexistro da propiedade farase mediante a presentación da escritura e o certificado do acordo de aprobación definitiva.

Tramítase en

Servizos urbanísticos: Planeamento urbanístico
Enderezo: Praza do Obradoiro, 1-2º andar
Tel.: 981 542 426
Fax: 981 542 427
Correo: Contactar co Concello
Horario: O persoal técnico atende ao público previa cita (teléfono: 981 542 420).


Compartir: