Procedemento de aprobación do Plan xeral de ordenación municipal

Descrición

Formulación

Correspóndelle ao Concello. Nos supostos en que algún Concello non chegara a formular e aprobar o correspondente plan xeral, o conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio poderá requirir a súa formulación, sinalando o prazo máximo para iniciar a súa tramitación. No suposto de que o municipio non cumpra este requirimento ou paralice inxustificadamente a súa tramitación, o conselleiro poderá dispoñer que se proceda, por subrogación, á formulación do plan xeral polo órgano da Administración autonómica que corresponda.

A tramitación realizarase dándolle audiencia ao Concello respectivo, por prazo de 2 meses, antes da aprobación inicial e da aprobación definitiva.

O avance do Plan

A función do avance é servir de orientación á redacción do plan, encauzar a participación democrática na elaboración do plan e servir de chamada xeral aos interesados para que presenten propostas de convenios urbanísticos. Deberá conter a estratexia, directrices e obxectivos xerais do plan.

O avance ten carácter potestativo, de xeito que pode formularse ou non antes de iniciar o procedemento de aprobación de calquera instrumento de planeamento.

No caso de que se presente o avance deberá someterse a información pública polo prazo mínimo dun mes, mediante anuncios que se inserirán no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior circulación na provincia.

Fase de tramitación municipal

Unha vez elaborado o plan e antes da súa aprobación inicial, o expediente completo remitirase ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio para a emisión de informe preceptivo pero non vinculante. O prazo para a emisión do informe é de tres meses.

Emitido o informe ou transcorrido o prazo para a súa emisión, a aprobación inicial do plan correspóndelle ao Pleno da Corporación. O acordo de aprobación inicial deberá ser adoptado pola maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.

A aprobación inicial determina a suspensión do procedemento de outorgación de licenzas, naquelas áreas e para os usos que poidan resultar incompatibles coa nova ordenación.

A información pública do plan será dun mes, como mínimo, e dous meses como máximo, mediante a inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior circulación na provincia.

Simultaneamente ao trámite de información pública:
  • Daráselles audiencia aos concellos limítrofes
  • Solicitaranse dos organismos competentes, aqueles informes sectoriais que sexan preceptivos, así como aqueles outros que se xulguen necesarios para resolver. Haberán de ser emitidos no prazo dun mes, agás que a lexislación sectorial sinale outro prazo.
  • En todo caso solicitarase o informe da Consellería competente en materia de Medio ambiente. O informe deberá ser emitido no prazo dun mes.
Non é preciso o trámite de notificación individual aos propietarios de terreos afectados.

Rematado o trámite de información pública a aprobación provisional correspóndelle ao Pleno do Concello, mediante voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.

Aprobado provisionalmente o plan, remitirase o expediente completo e debidamente dilixenciado á Consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Fase autonómica: aprobación definitiva do Pxom

Unha vez que o expediente estea na Consellería, no prazo dun mes será analizado sobre posibles deficiencias ou omisións de trámite, e de seguido poderán producirse calquera destas situacións:
  • Requirimento para subsanación de deficiencias
  • Aprobación definitiva
  • Aprobación parcial
  • Denegación de aprobación definitiva
A aprobación definitiva do plan pode producirse por silencio administrativo se transcorren tres meses, dende a entrada do expediente completo no rexistro do órgano competente sen que este tivera comunicado resolución; sempre que o plan conteña os documentos e determinacións preceptivos.

Por ser unha disposición administrativa de carácter xeral, non poderá ser recorrida en vía administrativa. Só cabe o recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na lexislación aplicable.

Os concellos poderán solicitar do Consello da Xunta a delegación da competencia de aprobación definitiva do plan xeral, sempre e cando estes conten con planeamento xeral aprobado, servizos técnicos, xurídicos e administrativos axeitados e exercesen competencias urbanísticas de acordo cos principios de colaboración, coordinación, asistencia activa e información entre a administración municipal e a autonómica.Procedemento de aprobación do Plan xeral de ordenación municipal.

Tramítase en

Servizos urbanísticos: Planeamento urbanístico
Enderezo: Praza do Obradoiro, 1-2º andar
Tel.: 981 542 426
Fax: 981 542 427
Correo: Contactar co Concello
Horario: O persoal técnico atende ao público previa cita (teléfono: 981 542 420).


Compartir: