Los avisos sirven para dar a conocer los comunicados de carácter urgente, licitaciones abiertas, calles cortadas al tráfico y desvíos alternativos.



MOBILIDADE

Cortes de tráfico na rúa de San Clemente (22 de abril ao 3 de maio)

A partir do luns 22 de abril o Concello de Santiago realizará os traballos de reparación da calzada da rúa de San Clemente. As obras executaranse en dúas fases que provocarán os seguintes cambios na circulación:

1ª fase (22 ao 29 de abril)

Desde o luns 22 ata o luns 29 de abril, o corte afectará á baixada da rúa de San Clemente. Dende a rúa do Pombal poderase acceder ao estacionamento en superficie do Campo de San Clemente e tamén e ao garaxe privado do número 32 desta rúa. O corte será total a partir da entrada peonil do IES San Clemente.

A entrada á praza de Rodrigo de Padrón para o servizo do parking, Correos, Policía Nacional e IES Rosalía, farase a través da avenida de Figueroa, que será de dobre sentido de circulación mentres duren as obras. Para isto trasladarase a parada de taxis á avenida de Xoán Carlos I, que compartirá o espazo co estacionamento de motos, e a carga e descarga existente para a propia praza de Rodrigo de Padrón.

A rampla que une a rúa de San Clemente coa praza Rodrigo de Padrón invertirase, pasando a ser de baixada exclusivamente para os usuarios do garaxe situado no número 10 da rúa de San Clemente, realizando a saída a través da rúa de Trinidade.

Da mesma maneira poderán utilizar esta rampla os residentes da rúa da Trinidade e da avenida de Raxoi, utilizando a plataforma de acceso ao parking como zona de manobra para poder entrar.

2ª fase (29 abril ao 6 de maio)

De luns día 29 de abril ao luns 6 maio as obras afectarán o tramo de subida de San Clemente á praza Rodrigo de Padrón. A rampla quedará cortada completamente ó tráfico.

Nesta fase o acceso á praza de Rodrigo de Padrón continuará realizándose dende a avenida de Figueroa.

Nesta semana permitirase o acceso á rúa de San Clemente só aos seus residentes e aos das rúas de Trinidade e da avenida de Raxoi. Do mesmo xeito, permitirase o acceso aos usuarios do aparcadoiro soterrado, facendo a saída por Rodrigo de Padrón.

MOBILIDADE E CONVIVENCIA

Incidencias Policía Local

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL
Dende as 08:00 horas do día 16/04/2024 ata as 08:00 horas do día 17/04/2024

CONTROIS E INSPECCIÓNS: en varias zonas da cidade.
ACCIDENTES DE TRÁFICO, RECLAMACIÓNS DE DANOS, DELITOS CONTRA SEGURIDADE VIARIA E PROBAS DE ALCOL E DROGAS:
As 18:50 horas, ACCIDENTE DE TRÁFICO: na rúa Santiago de Chile entre dous vehículos con resultado de danos materiais.
CAMPAÑA VELOCIDAD DGT: dando cumprimento ao acordo coa DGT, colabórase coa campaña en varios puntos da cidade.
11:50 MANIFESTACIÓN AUTORIZADA: préstase servizo por mor de manifestación.
13:52 ASISTENCIA A VEHÍCULO AVARIADO: na rúa Salgueiriños de Abaixo préstase asistencia a un vehículo por ter unha avaría mecánica.
14:01 CONTROL DE DOCUMENTACIÓN: na rúa Restollal inspecciónase a documentación dun vehículo que é denunciado por carecer de ITV.
17:45 FALTA DE RESPECTO E CONSIDERACIÓN AOS AXENTES: na avenida de Rodríguez de Viguri, identifícase e proponse para sanción a unha persoa que profire insultos aos axentes.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa da Algalia de Arriba (dende o 2 de abril)

A partir do martes 2 de abril producirase o corte da rúa da Algalia de Arriba durante cinco semanas para executar os traballos de mantemento e reparación do pavimento. Permitirase o acceso peonil.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na zona da Silvouta (dende o 2 de abril)

A partir do martes 2 de abril, por mor das obras de construción da nova EDAR da Silvouta, pecharase á circulación o último tramo da rúa das Pedreiras, o máis próximo á zona da actuación. Esta rúa une os lugares de Laraño e Silvouta, polo que para circular entre os dous puntos deberá empregarse a AC-543. A duración do corte estímase que sexa dun ano.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa da Acibechería (a partir do 14 de febreiro)

A partir do mércores 14 de febreiro, a rúa da Acibechería quedará cortada ao tráfico por mor dos traballos de mantemento e reparación do pavimento da súa calzada, que terán unha duración estimada de tres semanas.

O corte da rúa levarase a cabo en dúas fases. A primeira comprende o tramo entre o entroncamento coa rúa Vía Sacra e a praza da Inmaculada, polo que quedará prohibida a circulación de baixada dende a praza de Cervantes.

A segunda fase executarase no tramo entre a praza de Cervantes e o cruzamento coa rúa Vía Sacra, polo que os vehículos que proveñan desta rúa deberán saír pola praza da Inmaculada.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa dos Caraveis (a partir de 29 de xaneiro)

A partir de hoxe, 29 de xaneiro, a rúa dos Caraveis vai quedar cortada ao tráfico no tramo de subida que vai desde a rúa da Ponte Nova de Vidán ata o camiño Real de Vidán por mor dun corremento de terras que afecta ao noiro que sustenta este vial na súa pendente.

Co obxectivo de garantir a seguridade, o Concello de Santiago limitará a circulación de vehículos ata a súa estabilización. Ata ese momento a veciñanza da zona afectada deberá realizar a entrada e saída pola rúa de Vidán, situada ó final da avenida da Mestre Victoria Míguez, antes da rotonda.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rotonda da avda. de Lugo coa SC-20 (a partir do 29 de xaneiro)

A partir das 11:00 horas do vindeiro luns 29 de xaneiro, o ramal de baixada dende a rotonda da avenida de Lugo cara a SC-20, sentido San Lázaro-Polígonos, vai quedar cortado ao tráfico debido ás obras de instalación de pantallas acústicas que está a executar a empresa Dragados para ADIF e que teñen unha duración prevista de dous meses e medio.

Este corte vai implicar os seguintes desvíos:

Os vehículos que circulen baixando pola avenida de Lugo e queiran acceder á SC-20, deberán facelo pola rotonda desta avenida coa rúa de Londres, e circular por esta vía ata chegar á rúa de Roma, e alí enlazar coa rotonda existente nesta vía e incorporarse á SC-20.

Da mesma maneira os vehículos que circulen sentido subida pola avenida de Lugo, deberán empregar a mesma rotonda e baixar pola rúa de Londres e realizar o mesmo circuíto para incorporarse á SC-20.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na avenida da Coruña e avenida de Compostela (Campus Sur)

No marco do proxecto de reurbanización do Campus Sur, o vindeiro luns 15 de xaneiro comezarán as obras da seguinte fase, o que provocará o corte total ao tráfico da avenida da Coruña (tramo comprendido entre avenida das Ciencias e avenida Antonio Raimundo Ibáñez) e da avenida de Compostela (tramo comprendido entre as avenidas de Antonio Raimundo Ibáñez e das Burgas). Quedará eliminado tamén o estacionamento.

O corte será efectivo a partir das 9.30 horas do citado luns. O tráfico procedente da rúa de Rosalía de Castro será desviado pola avenida das Ciencias, e o procedente da avenida das Burgas continuará polo tramo aberto da avenida de Compostela e Cruceiro do Gaio.

Transporte urbano

Por mor destas obras, a liña 8 en sentido Camiño dos Vilares realizará o seguinte desvío:

A partir das 9:30 do luns 15 de xaneiro:
*Saídas de tanatorio de Boisaca / Camiño dos Vilares: non se alteran.

*Saídas de Vidán: os autobuses realizarán o percorrido habitual pola estrada de San Lourenzo e Campo de San Domingos ata o cruce coa rúa José María Suárez Núñez, onde realizarán a parada habitual e desviaranse pola citada rúa, rúa Vicente Fraíz Andión (facultade de Psicoloxía), rúa Lope Gómez de Marzoa, avda. Mestre Mateo, Rosalía de Castro e retomarán o seu itinerario na avda. Xoán Carlos I.

Quedarán suprimidas as seguintes paradas: (565) San Lourenzo, carballeira; (79) avda. das Burgas, instituto Xelmírez; (78) avda. da Coruña, cruce Feáns.

As persoas usuarias da parada 565 na carballeira terán como parada alternativa máis próxima a anterior parada da liña, no cruce coa rúa José María Suárez Núñez. Para as outras dúas paradas anuladas (avdas. Burgas e Coruña), a alternativa máis próxima é na avda. Xoán Carlos I, fronte á igrexa do Pilar.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Apertura parcial da rúa da Pastoriza

Dende as 10 horas de mañá, mércores 27 de decembro, abrirase á circulación o carril de subida da rúa da Pastoriza (de Santa Clara cara á praza da Paz).

O carril sentido praza da Paz-Santa Clara permancecerá pechado, polo que continuará o desvío actual por Xoán XXIII e avenida de Coimbra.

Transporte urbano

Veranse afectadas as seguintes liñas: 1, 4, 5, 6, 6A, 8, 9, C6, P1, P2, P4, P5, P6 e P7.

*Liñas circulando en sentido saída (norte) (SEN DESVIARSE DO PERCORRIDO HABITUAL):
Paradas suprimidas: Parada 367, Pastoriza nº 22
Paradas alternativas:
Liñas 1, 4, 5, 6, 6A, 8, 9, C6, P2, P4, P5, P6 e P7: non realizarán desvío, se ben a parada alternativa previa a Pastoriza será a parada 125, Basquiños nº 28

*Liñas circulando en sentido baixada (sur) (CONTINÚAN FACENDO O DESVÍO ACTUAL):
Paradas suprimidas: Parada 366, Pastoriza nº 103A
Paradas alternativas:
552, San Caetano (parque), para as liñas 1, 4, 6, 6A, P4, P5 e P6
50, Ánxel Casal (Xunta), para as liñas 5, P2 e P7
60, avda. Castelao (García Lorca) para a liña 8

*A liña P1 continuará rematando como ata agora na rúa Valle-Inclán en lugar de na pza. de Camilo Díaz Baliño.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa de Castrón Douro e parte da rúa do Sar (a partir do 6 de novembro)

A partir do luns 6 de novembro, o último tramo da rúa de Castrón Douro e parte da rúa de Sar sufrirán unha serie de restricións na circulación por mor das obras de acondicionamento da calzada, consistentes na eliminación da pedra existente e o seu posterior formigonado. A duración estimada para a realización desta obra é de 8 a 9 semanas.

O tráfico quedará afectado da seguinte maneira:

- Quedará cortado un carril da zona en obras, dando paso alternativo á circulación por medio da instalación de semáforos de obra.
- Estará prohibida a entrada á praza de Marcial Villamor desde o cruzamento con Castrón Douro, polo que os vehículos deberán entrar a través da rúa do Olvido. Para saír da praza de Marcial Villamor, os vehículos deberán facelo en dirección á rúa de Curros Enríquez, quedando prohibido o xiro cara á rúa de Sar.
- Os vehículos que baixen polo primeiro tramo da rúa Castrón Douro, cando cheguen ao cruzamento coa saída da praza Marcial Villamor, deberán xirar obrigatoriamente á dereita cara á rúa Curros Enriquez.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.


Compartir: