Los avisos sirven para dar a conocer los comunicados de carácter urgente, licitaciones abiertas, calles cortadas al tráfico y desvíos alternativos.



MOBILIDADE E CONVIVENCIA

Incidencias Policía Local

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL
Dende as 08:00 horas do día 24/04/2024 ata as 08:00 horas do día 25/04/2024

--:-- CONTROIS E INSPECCIÓNS: en varias zonas da cidade.
--:-- ACCIDENTES DE TRÁFICO, RECLAMACIÓNS DE DANOS, DELITOS CONTRA SEGURIDADE VIARIA E PROBAS DE ALCOL E DROGAS:
• 20:13 ACCIDENTE DE TRÁFICO: na rúa República Arxentina entre dous vehículos con resultado de danos materiais.
• 06:30 ACCIDENTE DE TRÁFICO: na rúa de San Roque saída de vía dun vehículo con resultado de danos materiais. A condutora ofrece un resultado positivo na alcolemia en vía penal.
18:27 AUXILIO: préstase auxilio a unha persoa que caera na súa casa.
19:34 INCENDIO: no lugar de Zarramacedo, parroquia de Bando, lugar no que na noite de onte se producira un incendio forestal, é necesario que acodan os bombeiros para sufocar o lume reactivado.
00:42 AUXILIO: préstase auxilio a unha persoa que se atopa desorientada.

MOBILIDADE

Corte de tráfico no Camiño dos Vilares (29 e 30 de abril)

O luns 29 e o martes 30 de abril, o camiño dos Vilares quedará cortado ao tráfico no tramo comprendido entre os cruzamentos desta vía coa rúa Camiños da Vida e coa rúa do Río, por mor das obras de fresado e aglomerado que se van realizar na súa calzada.

O corte será efectivo desde as 08:00 horas do luns ata as 20:00 horas do martes e permitirase o paso dos residentes afectados.

O desvío alternativo a este corte farase a través da rúa de Xosé Chao Rego e da rúa do Río, para enlazar de novo co Camiño dos Vilares.

Transporte urbano

Durante a duración das obras a liña 8 realizará o desvío seguinte:

*Liña 8 de Vidán a Camiño dos Vilares ou Tanatorio:
Despois da parada en Camiño dos Vilares nº 36, desviarase pola rúa Camiños da Vida, Manuel María e rúa do Río, retomando o itinerario no cruce entre a rúa do Río e o Camiño dos Vilares.

Quedarán suprimidas as paradas: (149) Camiño dos Vilares nº 88 e (141) Camiño dos Vilares, Follas Novas.

*Liña 8 de Camiño dos Vilares ou Tanatorio a Vidán:

Desde a rúa do Río, desviarase por Manuel María e Camiños da Vida, retomando o itinerario no cruce entre esta rúa e o Camiño dos Vilares.

Quedarán suprimidas as paradas: (531) Rúa do Río nº 60, (145) Camiño dos Vilares nº 133 e (144) Camiño dos Vilares nº 103.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Cortes de tráfico e modificacións no transporte urbano con motivo da carreira nocturna SantYaGo10K

O vindeiro sábado 27 de abril a partir das 22:00 horas celebrarase na cidade a VIII Carreira Nocturna SantYaGo10K, unha importante proba atlética de 10.000 metros na que está previsto que participen arredor de 1.500 corredores. Esta carreira está organizada polo Concello de Santiago e o Club de Atletismo Fontes do Sar, coa participación da Real Federación Española de Atletismo e a Federación Galega de Atletismo.

Durante o transcurso da proba, as rúas do percorrido (e algunhas lindeiras) sufrirán alteracións circulatorias. O itinerario da carreira deportiva é o seguinte: saída da rúa San Francisco / Campiño de San Francisco / avenida de Xoán XXIII / avenida do Burgo das Nacións / avenida de Castelao / rúa de Vista Alegre / rúa do Avío / rúa de Vista Alegre / rúa das Salvadas / rúa das Galeras / rúa do Pombal / paseo dos Leóns / paseo da Ferradura / paseo central da Alameda / Campo da Estrela / avenida de Xoán Carlos I / Campo da Estrela / rúa da Senra / rúa da Carreira do Conde / rúa da Rapa da Folla / rúa de Montero Ríos / rúa Xeneral Pardiñas / rúa de República El Salvador / rúa do Hórreo / praza de Galicia / rúa Fonte de Santo Antonio / tránsito da Mercé / rúa da Ensinanza / rúa da Virxe da Cerca / rúa do Astrónomo Aller Ulloa / porta do Camiño / rúa das Rodas / rúa da Algalia de Abaixo / rúa das Casas Reais / rúa Travesa / rúa de San Bieito / rúa Santo Agostiño / praza de Santo Agostiño / rúa das Ameas / praciña de San Fiz / travesa da Universidade / praza da Universidade / praza de Mazarelos / tránsito dos Gramáticos / rúa do Cardenal Payá / rúa das Orfas / rúa da Caldeirería / rúa do Preguntoiro / praza de Cervantes / rúa da Acibechería / Vía Sacra / rúa de San Paio de Antealtares / praza Feijoo / rúa da Conga / rúa Nova / Cantón do Toural / praza do Toural / rúa do Vilar / praza de Praterías / rúa Fonseca / meta na praza do Obradoiro.

Desvíos

Este percorrido quedará cortado ao tráfico o vindeiro sábado entre as 21:00 e as 23:30 horas, polo que se producirán os seguintes desvíos para os vehículos:
- os que accedan pola rúa de Rosalía Castro serán desviados serán desviados á altura da praza de Vigo
- os que suban pola rúa do Hórreo serán desviados cara a rúa Ramón Piñeiro
- os que saian da rúa Xeneral Pardiñas serán desviados cara a rúa do Doutor Teixeiro
- os procedentes da rúa do Romaño serán desviados dende a rotonda do Avío cara a avda. de Castelao
- os que circulen pola rúa Galeras irán obrigatoriamente cara San Lorenzo
- os vehículos procedentes da zona de praza da Paz non poderán acceder ao centro cidade polas rúas das Rodas e da Virxe da Cerca, polo que deben utilizar a avenida de Lugo.

As persoas con garaxe ou vehículo estacionado nas rúas que comprende o itinerario, non poderá circular, entrar ou saír do mesmo durante ese tempo. Se fose necesario facer uso do seu vehículo dentro do horario indicado debe sacalo antes ou esperar a que volvan a abrir as rúas ao tráfico a partir das 23:00.

A información sobre a afectación das vías, pódese consultar na páxina web da carreira. Para calquera outra dúbida, o correo de contacto é info@santyago10k.run.

Desvíos no transporte urbano

Debido a este corte, entre as 21:00 e as 23:30 horas veranse afectados os servizos de transporte urbano das liñas 1, 4, 5, 6A, 7, 8, C2, C5, C11, P1, P2, P3 e P7. Pode consultarse toda a información no seguinte enlace.

O Concello de Santiago de Compostela prega á cidadanía desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa das Rodas (26 de abril)

Este venres, 26 de abril, a rúa das Rodas vai quedar cortada totalmente ao tráfico entre as 10:00 e as 13:30 horas por mor da realización de obras de aglomerado. Este corte producirá os seguintes cambios na circulación:

- Invírtese o sentido de circulación da rúa de Ramón del Valle-Inclán e da costa de San Domingos. A súa entrada será a través da rúa de San Roque e a saída pola Porta do Camiño.
- O tráfico procedente da Virxe da Cerca será desviado pola rúa de San Pedro e rúa de Concheiros. Non se poderá acceder dende este punto á rúa de Ramón del Valle-Inclán.
- Para facilitar a recollida dos nenos do colexio La Salle, vaise permitir o dobre sentido de circulación na rúa de Ramón del Valle-Inclán no tramo que vai dende a entrada do aparcadoiro soterrado ata a rúa de San Roque, para evitar así a Porta do Camiño.
- O tráfico que discurra pola rúas do Rosario e de Bonaval, ao chegar á costa de San Domingos desviarase cara a praza da Porta do Camiño.

A partir das 13:30 horas a circulación quedará restablecida.

Transporte urbano

Debido a este corte, entre as 10:00 e as 13:30 horas veranse afectados os servizos de todas as liñas de transporte urbano excepto as liñas a 12, 13 (desde Xeneral Pardiñas a Belvís), C2, C4, C11 e P4. Pode consultarse toda a información no seguinte enlace:
https://www.tussa.org/web/actualidade/nova.php?id=892&lg=gal

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Cortes de tráfico na rúa do Xeneral Pardiñas (25 de abril ao 2 de maio)

Desde o vindeiro xoves 25 de abril ata o xoves 2 de maio, o tramo da rúa do Xeneral Pardiñas comprendido entre a rúa de Montero Ríos e rúa da Carreira do Conde vai quedar cortada ó tráfico con motivo dos labores de reparación do empedrado da calzada.

Durante estes días só se permitirá o acceso dende a rúa Montero Ríos aos residentes e aos vehículos para carga e descarga na Carreira do Conde. A saída cara a rúa da Senra tamén permanecerá cortada.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Cortes de tráfico na rúa do Campo de Conxo (20 de abril)

Desde as 11.00 h do vindeiro sábado 20 de abril ata as 4.00 h da madrugada, a rúa do Campo de Conxo quedará pechada ao tráfico por mor da celebración das festas de primavera do barrio. Quedará cortado o acceso dos vehículos a esta rúa desde o cruzamento coa rotonda SC20, e desde a rúa Benéfica de Conxo coa rotonda de Televés.

Entre as 11.30 h e as 12.30 h terá lugar o II Encontro de Coches Clásicos durante o que se realizará un percorrido por algunhas rúas do barrio polo que podería producirse algunha ralentización puntual na circulación.



Con motivo dese corte o vindeiro sábado 20 de abril desde o inicio e ata a finalización dos servizos do día, as liñas de transporte urbano que circulan pola zona realizarán os seguintes desvíos:

- Desvío en sentido sur de circulación (liñas 5 e C2):

Desde a rotonda de Conxo cara ao Campo de Conxo e Benéfica: os autobuses das liñas 5 a Rocha e C2 non poderán circular.

• Liña 5 sentido Rocha:

Desde a rotonda de Conxo desviarase pola SC-20 incorporándose á rotonda de Volta do Castro, rúa Volta do Castro (sentido sur, cara Rocha) e retomando o itinerario habitual na rúa Poza Real de Abaixo (Santa Apolonia).

Paradas suprimidas LIÑA 5 sentido Rocha: (155) Campo de Conxo, psiquiátrico; (127) Benéfica de Conxo, Televés; (626) Torrente, cruce Travesa Benéfica; (628) Torrente nº 28; (246) Torrente, cruce Volta do Castro.

Os usuarios que desexen baixar nestas paradas terán a alternativa, ben de baixar na parada de Santa Apolonia, ben continuar percorrido ata Rocha ou Rocha Vella e baixar na zona de Torrente e Benéfica de Conxo cando o autobús vai de novo cara o centro.

• Liña C2:

Despois de saír do hospital Provincial, desde a rotonda de Conxo desviarase pola SC-20 incorporándose á rotonda de Volta do Castro, rúa Volta do Castro (sentido norte, cara o centro da cidade), Aparcadoiro de Santa Marta (antes de acceder ao Clínico, irán realizar a parada no interior do aparcadoiro de Sta. Marta, desde onde farán cambio de sentido) e itinerario habitual cara o hospital Clínico.

Paradas suprimidas LIÑA C2:

(155) Campo de Conxo, psiquiátrico; (127) Benéfica de Conxo, Televés; (284) Ildefonso Sánchez Mera, residencia.

A parada 684, Feliciano Barrera (aparcadoiro), realizarase no interior do aparcadoiro mentres dure o desvío.

- Desvío en sentido norte de circulación (liñas 5, 12 e C4):

Desde a Benéfica de Conxo (Televés) cara á rotonda de Conxo, a liña 5 en sentido centro cidade e Vite, a liña 12 e a liña C4 só poderán chegar ata Televés, desde onde realizarán cambio de sentido voltando por Torrente, rotonda de Volta do Castro, periférico SC-20 e desde a rotonda de Conxo continuará cada liña có seu itinerario habitual, ben avda. de Ferrol (liña 5), ben Ramón Baltar (liñas 12 e C4).

Quedará suprimida a parada 412, Psiquiátrico de Conxo, en sentido centro cidade. Os usuarios poden dirixirse ás paradas anterior ou posterior dos percorridos das liñas (Benéfica de Conxo - Televés, avda. de Ferrol ou Ramón Baltar, dependendo da liña).

MOBILIDADE

Cortes de tráfico na rúa de San Clemente (22 de abril ao 3 de maio)

A partir do luns 22 de abril o Concello de Santiago realizará os traballos de reparación da calzada da rúa de San Clemente. As obras executaranse en dúas fases que provocarán os seguintes cambios na circulación:

1ª fase (22 ao 29 de abril)

Desde o luns 22 ata o luns 29 de abril, o corte afectará á baixada da rúa de San Clemente. Dende a rúa do Pombal poderase acceder ao estacionamento en superficie do Campo de San Clemente e tamén e ao garaxe privado do número 32 desta rúa. O corte será total a partir da entrada peonil do IES San Clemente.

A entrada á praza de Rodrigo de Padrón para o servizo do parking, Correos, Policía Nacional e IES Rosalía, farase a través da avenida de Figueroa, que será de dobre sentido de circulación mentres duren as obras. Para isto trasladarase a parada de taxis á avenida de Xoán Carlos I, que compartirá o espazo co estacionamento de motos, e a carga e descarga existente para a propia praza de Rodrigo de Padrón.

A rampla que une a rúa de San Clemente coa praza Rodrigo de Padrón invertirase, pasando a ser de baixada exclusivamente para os usuarios do garaxe situado no número 10 da rúa de San Clemente, realizando a saída a través da rúa de Trinidade.

Da mesma maneira poderán utilizar esta rampla os residentes da rúa da Trinidade e da avenida de Raxoi, utilizando a plataforma de acceso ao parking como zona de manobra para poder entrar.

2ª fase (29 abril ao 6 de maio)

De luns día 29 de abril ao luns 6 maio as obras afectarán o tramo de subida de San Clemente á praza Rodrigo de Padrón. A rampla quedará cortada completamente ó tráfico.

Nesta fase o acceso á praza de Rodrigo de Padrón continuará realizándose dende a avenida de Figueroa.

Nesta semana permitirase o acceso á rúa de San Clemente só aos seus residentes e aos das rúas de Trinidade e da avenida de Raxoi. Do mesmo xeito, permitirase o acceso aos usuarios do aparcadoiro soterrado, facendo a saída por Rodrigo de Padrón.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa da Algalia de Arriba (dende o 2 de abril)

A partir do martes 2 de abril producirase o corte da rúa da Algalia de Arriba durante cinco semanas para executar os traballos de mantemento e reparación do pavimento. Permitirase o acceso peonil.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na zona da Silvouta (dende o 2 de abril)

A partir do martes 2 de abril, por mor das obras de construción da nova EDAR da Silvouta, pecharase á circulación o último tramo da rúa das Pedreiras, o máis próximo á zona da actuación. Esta rúa une os lugares de Laraño e Silvouta, polo que para circular entre os dous puntos deberá empregarse a AC-543. A duración do corte estímase que sexa dun ano.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa da Acibechería (a partir do 14 de febreiro)

A partir do mércores 14 de febreiro, a rúa da Acibechería quedará cortada ao tráfico por mor dos traballos de mantemento e reparación do pavimento da súa calzada, que terán unha duración estimada de tres semanas.

O corte da rúa levarase a cabo en dúas fases. A primeira comprende o tramo entre o entroncamento coa rúa Vía Sacra e a praza da Inmaculada, polo que quedará prohibida a circulación de baixada dende a praza de Cervantes.

A segunda fase executarase no tramo entre a praza de Cervantes e o cruzamento coa rúa Vía Sacra, polo que os vehículos que proveñan desta rúa deberán saír pola praza da Inmaculada.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.


Compartir: