Actuacións

GALADAS

Co fin de festexar o Día Internacional das Mulleres e de presentar a campaña Compostela, Territorio das Mulleres, o día 5 de Marzo ás 21:00h terá lugar na Sala Capitol un espectáculo multidisciplinar, dirixido por Mercedes Peón e protagonizado por diferentes mulleres de diversas disciplinas artísticas: Janet Novás, Mónica de Nut, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Ana García e o broche final das tocadoras de Toutón. Un espectáculo apoiado na intervención sonora e visual mediante danza, vídeo e performance, que servirá para compartir con todas e todos vós o comezo desta aventura. A entrada será de balde e poderá recollerse no Teatro Principal do 1 ao 4 de marzo entre as 18:00 e as 21:00h e o propio día 5 de marzo no portelo de entradas da sala Capitol a partir das 20:00h.

MAPA FEMINISTA DE COMPOSTELA

Co obxectivo de impulsar a creación da marca Compostela, Territorio das Mulleres crearase un mapa que servirá para, por unha banda, poñer en valor os lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que están apostando por medidas que faciliten a vida das mulleres, atendan as súas necesidades prácticas, recoñezan o seu papel histórico e/ou promovan os seus intereses estratéxicos. Imos comezar por abrir o proceso ao sector da hostalería e o turismo de Compostela, para que valoren que contidos poderían incorporar, desde esta perspectiva, nas súas prácticas e espazos, compromisos que se farán públicos a través do mapa. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

Aqueles establecementos interesados en participar poden chamar ao número 646003343 ou escribir ao enderezo: territoriodasmulleres@gmail.com.

LITERARIAS

A través desta iniciativa convidamos as librarías e editoriais de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero. Concretamente, propoñémoslles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras (a través da poesía, a literatura, o teatro, o ensaio, a banda deseñada etc.) que fomente os dereitos das mulleres, visibilice a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas. Está previsto o seu desenvolvemento do 1 ao 10 de marzo.

Aqueles establecementos interesados en participar poden chamar ao número 646003343 ou escribir ao enderezo: territoriodasmulleres@gmail.com.

Participantes

CAMIÑOS DA AUGA

A auga ocupou gran parte do labor feminino en Compostela até ben entrado o século XX. Así, carrexadoras e lavandeiras encheron a cidade de vida e de traballo durante moito tempo. A través desta actividade, propoñemos realizar uns paseos por algunhas fontes e lavadoiros emblemáticos de Compostela e achegarnos á historia das mulleres e ao seu labor cotián. O paseo das fontes realizarase o 13 de marzo ás 10:30h e o dos lavadoiros o 17 de abril ás 10:30h. Ámbolos dous paseos estarán guiados pola palabra de Encarna Otero.

Aquelas persoas interesadas en participar poden chamar ao número 646003343 ou escribir ao enderezo: territoriodasmulleres@gmail.com.

Paseo polas fontes

Paseo polos lavadoiros

VIDA PROPIA

Esta actividade consistirá no desenvolvemento de diversos obradoiros dirixidos a mellorar a posición social das mulleres de Compostela que viven en contornas rurais. A través do Programa Vida propia preténdese crear, entre as mulleres, espazos de encontro que sirvan para reflexionar sobre o seu papel na sociedade e as súas achegas, desenvolver estratexias para aumentar a súa capacidade de decisión en diferentes ámbitos e, en definitiva, valorar a vida propia. Estes obradoiros desenvolveranse nos centros socioculturais de Enfesta, Marrozos e Villestro durante os meses de marzo e abril.

Máis información sobre datas e inscrición no teléfono 981 680 174 e no enderezo programavidapropia@gmail.com.

Vida propia

PREMIO XOHANA TORRES

O 8 de marzo abrirase o prazo de convocatoria do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela. Trátase da recuperación dun premio, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteron nun símbolo da cidade.

Bases do premio Xohana Torres


Ademais, a Concellaría de Acción Cultural na súa programación de Marzo inclúe tamén unha serie de actuacións específicas nas cales se abordan temáticas relacionadas coa igualdade de xénero.

Máis información
Web:www.compostelacapitalcultural.org
Compartir: