María Rozas Pérez
María Rozas Pérez
Concelleira responsable de Economía, Facenda e Administración, con competencias en Planificación Económica e Financeira, Xestión Tributaria, Xestión Orzamentaria, Política Fiscal, Réxime Interno, Persoal, Contratación, Arquivo, Rexistro e Atención á Cidadanía. Primeira tenente de alcalde.
Nada en Santiago de Compostela, en 1981. Traballa como consultora de xestión económica e patrimonial para Administracións Públicas nunha empresa de tecnoloxía da información e da comunicación. Licenciada en Ciencias Políticas e Ciencia da Administración pola USC. Master de Estratexias, Axentes e Políticas da Cooperación ao Desenvolvemento polo Instituto HEGOA (Universidade do Pais Vasco). Voluntaria en varias ONGD’s e participante de movementos feministas.
Planificación Económica e Financeira
O Concello aposta por unha facenda municipal progresiva, equitativa e suficiente, creando as condicións para unha redistribución efectiva da riqueza e fornecendo as arcas públicas dos recursos necesarios para atender as súas competencias e as necesidades sociais máis urxentes. A planificación económica e financeira responde ao obxectivo de garantir que as decisións municipais nesta materia se adapten a un horizonte de sustentabilidade.

Ademais, foméntase a transparencia e a participación cidadá, tamén nos gastos e investimentos, facéndoos accesibles á cidadanía dun xeito pormenorizado, claro e aberto.
Xestión Tributaria
Este Departamento ocúpase de realizar as xestións encamiñadas á consecución material das liquidacións dos tributos e doutros ingresos municipais, así como das recadacións, ao tempo que procura facer efectivo o principio de xeneralidade nas cargas tributarias dos obrigados ao pagamento a través da sección de inspección tributaria.
Xestión Orzamentaria e Política Fiscal
A elaboración dos orzamentos municipais, en coordinación cos diferentes departamentos municipais é outra das funcións desta Concellería. Axustar os gastos e ingresos é o obxectivo fundamental nesta materia, sempre no marco da distribución dos recursos para atender as competencias e necesidades do concello e dos seus cidadáns.

En materia de políticas fiscais, deféndese a progresividade mediante a elevación do peso das figuras tributarias directas na recadación municipal e a redución das indirectas, considerando a situación económica e social nas figuras fiscais, con bonficacións ou desgravacións por tal condición. A suficiencia da recadación municipal vén determinada polas necesidades básicas que deben ser atendidas e pola loita contra o fraude fiscal e a economía mergullada.
Réxime Interior
Ten a facultade para darlles as instrucións precisas aos servizos municipais para a adopción de medidas de seguridade e reparación, mantemento e conservación que requiran os edificios de propiedade municipal, en especial do Pazo de Raxoi.

En materia de Persoal desempeña a xefatura directa e inmediata do persoal municipal, agás dos corpos de Policía municipal, Bombeiros e Protección Civil. Ten a competencia de propor a estruturación e organización dos servizos administrativos do Concello no marco das áreas existentes en cada momento.

Encárgase da proposta de aprobación dos plans de formación do persoal municipal e da revisión de sistemas de organización e métodos de traballo. Ten tamén a potestade de adoptar as medidas que estime necesarias para procurar o mantemento e incremento da produtividade e do rendemento do persoal municipal. Nesta dirección, o Concello asumiu o reto da sociedade da información, cun programa de reforma integral da administración para adaptala aos novos tempos.

É competencia tamén desta Concellaría o Departamento de Atención ao Cidadán, a canle máis directa para que a cidadanía poidan acceder ao coñecemento dos seus dereitos e obrigas e a utilización dos bens e servizos públicos.
Contratación
O Departamento de Contratación facilita os pregos de condicións económicos, administrativos e técnicos, compulsa documentación de contratos convocados polo Concello e informa sobre expedientes en curso, condicións de contratos e proxectos de execución de obras.

Tamén asesora a Corporación na materia de contratación administrativa, colabora cos departamentos municipais para a contratación de bens e coordina os labores de secretaría das mesas de contratación municipais (concursos, subhastas e procedementos negociados).
Atención á Cidadanía
É a canle máis directa para que a cidadanía poida acceder ao coñecemento dos seus dereitos e obrigas e a utilización dos bens e servizos públicos. Entre as súas funcións atópanse: orientación e información, entrega de instancias, tramitación de incidencias da cidadanía, xestión da información administrativa municipal, tramitación ou a tramitación de queixas e suxestións.


Compartir: