FESTAS

Máis de 2.000 persoas viviron en Amio unha nova edición da Festa do Maiores

19/05/2012 Celebrouse no recinto feiral de Amio a décimo cuarta edición da Festa para os nosos maiores, que contou con máis de 2.000 participantes.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e outros integrantes do Goberno municipal achegáronse ata a festa para saudar os participantes. Nesta edición e atendendo ás políticas de aforro marcadas pola Administración local, reduciuse en 8.000 euros o custo da festa. Malia isto, o Concello realizou un importante esforzo para manter o prezo de 5 euros a pagar polos comensais.

Este tradicional xantar, enmarcado nas festas da Ascensión, contou coa animación dunha charanga e coa música do grupo Plató. O menú estivo composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, postre e café.

Descenso en BTT e actividades infantís
Tamén nesta xornada de sábado houbo xogos populares na praza Roxa. E pola tarde, na praza Roxa e na praza de Vigo, xogos de habilidade para todas as idades.

No capítulo deportivo celebrouse o descenso en BTT polo Casco Histórico. Para a noite estaba previsto o concerto de Nach e Erin na praza da Quintana.

Compartir: