FESTAS

O Principal acolle catro representacións da exitosa comedia "Ni contigo... ni sin ti"

18/05/2012 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou as catro representacións da obra de teatro Ni contigo... ni sin ti, outra das propostas destas Festas da Ascensión. Acompañouno un dos actores, Jesús Cisneros, quen convidou o público a gozar desta comedia.

Francisco Noya destacou a aposta que a Concellería de Festas quere realizar tamén polo teatro, tendo en conta a boa acollida que esta modalidade escénica ten sempre en Santiago. Salientou a calidade da obra e os prezos asequibles, entre 6 e 12 euros.

Jesús Cisneros explicou o argumento da obra, con texto de Santiago Moncada, dirección de José Troncoso e protagonizada por Ivonne Reyes, Cristina Peña, Antonio Vico e el mesmo. Irene, Gabriel e Rafael son un trío de música de cámara e algo máis. Ni contigo... ni sin ti conta en clave de comedia a crise duns personaxes maduros, dunha relación pouco convencional e dunha amizade de moitos anos, a través da chantaxe emocional na que se ve envolto Gabriel por parte de Irene e Rafael, cando Gabriel quere romper con todo e gozar do aire fresco que achega á súa vida María, unha moza de 23 anos coas ideas frescas, claras e directas.

Ningún neno sen participar nas atraccións da Alameda
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para lembrar algunhas das actividades do programa das Festas previstas para os vindeiros días. Ademais, anunciou que, para facilitar que ningún neno sen recursos poida quedar sen gozar das atraccións da Alameda, a Concellería de Festas remitiu á Concellería de Benestar Social fichas para as devanditas atraccións. Este departamento distribuiraas entre as familias usuarias dos Servizos Sociais, para que as poidan empregar ata que permanezan as atraccións na Alameda.

Noites Abertas e conciliación familiar
Ademais do teatro, Noya lembrou a celebración nesta xornada do 18 de maio das Noites Abertas do comercio compostelán. Un total de 44 comercios participantes abrirán as súas portas ata as once da noite para ampliar o horario comercial habitual e facilitar as compras no pequeno comercio da cidade.

Co ánimo de facilitar as compras dos pais e nais, no Centro Sociocultural do Ensanche haberá servizo de gardería en horario de 18:30 a 21:30 horas. O servizo ofrecerá dous talleres (para crear os seus propios moedeiros e bolboretas) para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Haberá sesións cada hora. Admitiranse simultaneamente 30 nenos (15 nenos por taller). As inscricións poderán realizarse a partires das 18:00 horas no mesmo centro.

Colocarase ademais un inchable para meniños de 1 a 3 anos, que deberán neste caso asistir acompañados dalgún familiar responsable.

Concerto na Quintana
Nesta xornada tamén haberá música na praza da Quintana, desta vez da man de Huecco e Celtas Cortos, nun concerto organizado por Cadena 100. Será a partir das 22:00 horas e con entrada de balde ata completar aforo.

O edil aproveitou o convite a participar neste concerto para recordar o éxito do celebrado na noite anterior, tamén na Quintana, que se encheu completamente para a ocasión. A alta asistencia de público está sendo a nota característica desta Ascensión, indicou, referíndose á "espectacular" acollida de eventos como o Festival SONA ou a Feira Cabalar.

No que atinxe á xornada do venres, recordou que tamén comeza o Campionato de Chave, a partir das 16:30 horas. Erroneamente, no programa figuraba o xoves como a data de inicio.

Festa dos Maiores
O sábado 19 está prevista a celebración dunha nova edición da Festa dos Maiores, a que xa se levan vendidas 1.800 das 2.000 entradas dispoñibles. Os máis demorados poderán aínda mercar a súa entrada, a cinco euros, no mesmo recinto de Amio. A nota musical do evento poñeraa o grupo compostelán Plató.

Francisco Noya destacou o importante esforzo realizado polo Concello para, na actual conxuntura económica, poder manter o prezo de 5 euros para os participantes nesta Festa dos Maiores.

Actividades infantís
Tamén o sábado, ás 12:00 horas, haberá xogos populares na praza Roxa. E pola tarde, na praza Roxa e na praza de Vigo, de 17:00 a 21:00 horas, xogos de habilidade para todas as idades.

Ás 16:30 horas celebrarase o descenso en BTT polo Casco Histórico e ás 21:00 horas, concerto de Nach e Erin na praza da Quintana. Ambos eventos están incluídos no Festival de Cultura Urbana. E na Alameda, a partir das 22:00 horas, a orquestra Suavecito.

Compartir: