FESTAS

Santiago celebrou o Día das Letras Galegas e a xornada grande da Ascensión

17/05/2012 O Concello de Santiago uniuse á celebración do Día das Letras Galegas coa celebración dun concerto especial da Banda Municipal, acompañada da lectura de poemas do homenaxeado nesta edición, Valentín Paz Andrade. O Goberno municipal participou neste acto, trasladándose logo á Alameda para seguir vivindo a xornada grande das festas da Ascensión.

A rúa do Vilar acolleu este concerto especial do Día das Letras Galegas, no que a Banda Municipal de Música interpretou varias pezas de E. Pazos, R. Dorado e G. Freire. O acto foi presentado pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, vestida para a ocasión co traxe tradicional galego. Na súa intervención agradeceu a colaboración da Banda e a asistencia do numeroso público alí reunido.

Rebeca Domínguez cualificou a data como un día de festa para "a nosa lingua, o maior patrimonio co que contamos, símbolo de identidade que nos vencella a todos como galegos". Tamén tivo palabras para Castelao e lembrou a estreita relación que con el mantivo Valentín Paz Andrade.

A edil deu paso aos nenos e nenas composteláns que realizaron á lectura de poemas de Paz Andrade entre cada peza musical. O acto foi pechado polo alcalde, Ángel Currás, coa lectura do poema do autor titulado "Cando ti volvas", que é unha homenaxe a Castelao.

Posteriormente, os integrantes do Goberno municipal trasladáronse ata a Alameda. Alí, na carballeira de Santa Susana, participaron na tradicional pulpada do día grande da Ascensión.

O alcalde subliñou o extraordinario ambiente festivo desta data en Santiago, á vez que fixo unha invitación á participación nos diferentes actos que se desenvolven ó longo da semana, como os eventos musicais, a feira cabalar ou as actividades infantís e deportivas, entre as que destacou a Volta Ciclista da Ascensión, entre outras.

Compartir: