FESTAS

A Feira Cabalar da Ascensión programa un espectáculo de doma de alta escola en homenaxe a Rosalía de Castro

16/05/2012 O xoves 17 de maio, festividade da Ascensión, celebrarase a tradicional Feira Cabalar no Mercado Nacional de Gando de Santiago de Compostela, en Amio. O programa inclúe a exhibición de doma con cabalos de pura raza galega a cargo da sección de doma da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Seis cabalos de pura raza galega inscritos no libro xenealóxico da raza galega, tres domadores, unha bailarina e un completo equipo de apoio, baixo a dirección técnica e presentación de Jacobo Pérez Paz, poñerán en escena o espectáculo que este ano acaba de presentar a asociación na recén celebrada Feira da Pascua de Padron, en homenaxe a Rosalía de Castro no cumprimento do 175 aniversario do seu nacemento. A coreografía foi deseñada polos mestres de doma da asociación e a coreógrafa e bailarina de danzas tribais orientais Tamara Sánchez Ribadas.

O espectáculo poderase verse a partir das 12:30 horas no recinto feiral. A coreografía conta con varios pases. Así, en primeiro lugar, realízase unha presentación en pista da raza autóctona cabalar galega con dous exemplares, explicando as características do morfotipo da raza, a súa historia e o seu arraigamento en Galicia.

O segundo pase consta de exercicios pé a terra en rendas longas, traballando exercicios como o paso español, apoios, piruetas, elevadas, parapetos e cabriolas. No terceiro pase, denominado "Paso a dous", dous xinetes, montando cabalos de pura raza galega, realizan unha fermosa coreografía de movementos sincronizados en pista.

A cuarta entrega leva por título "Homenaxe a Abellón". Trátase dunha coreografía con danza galego-oriental realizada pola bailarina e coreógrafa Tamara Sánchez Ribadas e o cabalo Balboa. Homenaxéase así a un cabalo da Asociación que percorreu máis de 10.000 quilómetros ata chegar a Transilvania. Soará o tema musical "Lavandeiras", de Carlos Núñez.

No quinto pase, "Tandem", un xinete con dous cabalos, un montado e outro en rendas longas, realizará exercicios de doma de alta escola. Finalmente, o sexto e último pase é unha "Homenaxe a Rosalía", cun numero de traballos en liberdade con dous sementais de pura raza galega baixo o poema "Negra Sombra", da poeta galega, e o fado "Bágoas", da universal Amalia Rodríguez.

O espectáculo conta co co-financiamento do Concello de Santiago de Compostela, da Xunta de Galicia e do plan FEADER "Europa inviste non rural". A Asociación agradeceu ao Concello o seu "decidido apoio na promoción, fomento e difusión do cabalo de pura raza galega, raza autóctona galega en perigo de extinción".

Compartir: