XUVENTUDE

Obradoiros, música e un espectacular descenso en BTT para celebrar unha xornada de cultura urbana nas festas da Ascensión

14/05/2012 O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, presentou o Festival de Cultura Urbana, que se celebrará o sábado 19 no marco das Festas da Ascensión. Celebraranse varios obradoiros, un concerto e o I Descenso Wild Wolf Santiago Down Town.

As actividades comezarán precisamente cos adestramentos do I Descenso Wild Wolf Santiago, a partir das 12:30 horas. Este espectacular descenso urbano en bicicletas BTT partirá do convento de Santa Clara e chegará ata a praza de Praterías. As probas celebraranse xa pola tarde, a partir das 15:30 horas.

Está prevista a presenza de máis de 100 participantes, entre eles un dos máis competidores máis importantes da especialidade, Cedric Gracia. O venres 18 celebrarase unha presentación específica desta proba.

Xa pola tarde, entre as 18:30 e as 20:00 horas, celebraranse no Toural tres obradoiros sobre as seguintes técnicas: turntablism (Dj), beatbox, e breakdance. Así, no primeiro dos talleres traballarase sobre una técnica utilizada polos DJs consistente en mover un disco de vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto parecido ao de raiar o disco. En canto ao beatbox, consiste na habilidade de crear música, efectos ou letras de formas simultánea só cos recursos corporais, principalmente coa boca. Finalmente, a Escola de Breakdance pretende integrar esta actividade nos adolescentes como unha práctica cotiá. O obxectivo é que teña continuidade no tempo.

Nach será o protagonista dun concerto na praza da Quintana. Comezará ás 21:00 horas, logo de que remate a súa actuación o teloneiro Erin. O prezo das entradas é se 4 euros en venda anticipada e de 6 euros no despacho de billetes. As entradas poden adquirirse na rede Ticketmaster, en www.novagaliciabanco.es e www.multiusos.net.

As actividades de cultura urbana prolongaranse máis alá desta xornada no marco das festas da Ascensión. Así, o sábado 26 de maio desenvolverase unha actividade denominada Títerehop, con sesións de mañá e de tarde. Constará dun obradoiro de hip-hop, doutro de expresión plástica e da posta en escena co monicreque do traballado nos obradoiros.

Adrián Varela enmarcou estas actividades no programa da Concellería de Xuventude para o primeiro semestre do ano, que incluíu, ademais do Festival de Cultura Urbana, obradoiros de fotografía, coaching ou batería, un campamento multiaventura en Portugal ou o curso de monitor de tempo libre, todas elas actividades de gran acollida entre os mozos composteláns. E para o segundo semestre, citou como proposta estrela unha nova edición do certame MúsicaXove.

Compartir: