FESTAS

O Concello de Santiago deseña un completo programa da Ascensión para implicar os composteláns nas súas festas

02/05/2012 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou o programa das Festas da Ascensión, que se celebrarán do 16 ao 20 de maio. Acompañárono na rolda de prensa Xoel López e Eladio, de Eladio y los Seres Queridos, uns dos protagonistas no concerto principal destas festas, o festival SONA.

Francisco Noya destacou a variedade e calidade dun programa que quere facer partícipe aos composteláns das súas festas. Neste sentido, destacou a implicación de diversas concellerías, que prepararon actividades especiais para estas datas. Haberá concertos, cinefórums, teatro, xogos populares, baile...

As Festas da Ascensión comezan o mércores 16 cun prato forte como é o festival SONA, no que tocarán no Multiúsos de Sar, por esta orde e a partir das 19:30 horas, Novedades Carminha, The Blows, Eladio y los Seres Queridos, Xoel López, Iván Ferreiro e Triángulo de Amor Bizarro. A propósito deste evento, tanto Eladio como Xoel López destacaron a importancia de que se poida reunir un cartel desta calidade con formacións galegas.

No día grande da Ascensión, o xoves 17 de maio, non faltará a tradicional feira cabalar en Amio. E xa pola noite, na praza da Quintana, outra das propostas musicais máis salientables, o festival 40 Santiago Pop, de entrada libre e no que os cabeza de cartel serán Despístaos e Amaia Montero.

A música continuará o venres 18 co concerto Cadena 100, tamén de balde e na Quintana. Os protagonistas serán Celtas Cortos e Huecco. Antes, pola tarde, proposta teatral coa obra "Ni contigo ni sin ti", con Ivonne, Reyes, Jesús Cisneros, Cristina Peña e Antonio Vico. Haberá catro funcións no Principal, dúas o venres e outras dúas o sábado.

A tradicional Festa dos Maiores celebrarase o sábado 19. As entradas, ao prezo de 5 euros, poranse á venda o mércores 9 no Teatro Principal, de 10:00 a 13:00 horas. Haberá un servizo de autobús gratuíto ata o recinto feiral de Amio dende a praza de Galicia. E para rematar a xornada, os máis novos teñen unha cita co Festival de Cultura Urbana, que no musical estará amenizado por Nach e Erin.

O domingo 20, programación infantil co espectáculo de Galitoon Botazz!. A música poraa pola noite Eliseo Parra, nun concerto enmarcado no ciclo Sons. A programación terá unha prolongación musical os días 25 e 26 de maio, coa actuación na Alameda, respectivamente, das orquestras Ciclón e Súper Star.

Como cada ano, non faltarán as atraccións e postos da Alameda, colocados do 16 ao 27 de maio. Precisamente, neste último día, para despedir as atraccións, celebrarase o Día dos Nenos, con descontos do 50% en todas as atraccións.

Actividades deportivas
O concelleiro salientou especialmente a programación deportiva das Festas, con varias citas importantes. O 17 de maio realizarase a tradicional carreira ciclista Gran Premio da Ascensión 2012. Ese mesmo día, no Monte do Gozo, celebrarase o Freestyle, coa participación, entre outros, de Maikel Melero, William Van de Putte, Gaby Villada, Martins Alexandrovich, Dylan Trull, Miguel Espada e Abraham Parra.

Continuando coas dúas rodas, o 19 de maio terá lugar o descenso urbano Wild Wolf Santiago DH. Esta proba en bicicleta sairá das inmediacións do convento de Santa Clara para percorrer parte do Casco Histórico ata chegar á praza de Praterías. A estas propostas deportivas hai que sumar outras como o torneo de chave, a fase local feminina de pádel e tenis ou o I Trofeo Cidade de Santiago de Baile de Salón.

Compartir: