FESTAS

O espectáculo "Chané na Habana" chega a Santiago

27/07/2017 Un grande espectáculo musical galego-cubano recordará o compositor José Castro González "Chané", no centenario do seu pasamento. O Alejandro Vargas Consort e a Camerata Egeria súmanse á voz de Rosa Cedrón para ofrecer unha revisión das obras deste compositor compostelán de fonda pegada na historia da música galega.

A homenaxe xorde como iniciativa de aCentral Folque, coa colaboración da Deputación e dos concellos da Coruña e de Santiago de Compostela. Será precisamente esta cidade a que albergue o primeiro dos concertos previstos, o sábado 29 de xullo, ás 22:00 horas, na praza da Quintana.

Chané na Habana abrangue a totalidade da obra conservada do compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: dende o sentir musical cubano. O autor de clásicos como "Os teus ollos" ou "Un adiós a Mariquiña" viviu e desenvolveu gran parte da súa obra na Habana. En 2017, unha selección músicos de catro nacionalidades distintas, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Ramon Pinheiro, director artístico do proxecto, explicou esta tarde, durante a presentación pública do concerto de Santiago, que o proxecto pretende dar resposta á necesidade de recuperar a obra dun autor capital na música galega que, porén, resulta descoñecido para boa parte da cidadanía. Neste senso, agradeceu o apoio institucional a unha iniciativa que busca facer soar as súas pezas nunha contorna de calidade, dende unha aproximación libre de prexuízos, onde se mesturan dous xogos de tensións creativas: as existentes entre os sons galego-cubanos e entre a música erudita e popular.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, celebrou esta "oportunidade única que ficará na nosa memoria para sempre e que contribuirá á que as xeracións futuras coñezan a figura imprescindible de José Castro "Chané". Sanmartín apuntou que é obriga das institucións reivindicar e recuperar a obra de autoras e autores de Galicia e aplaudiu a ocasión de desfrutar en directo da música do xenial compositor galego.

Finalmente, Concha Fernández, responsable de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos do Concello de Santiago, quixo pór en valor a colaboración entre as diferentes entidades que participaron na posta en marcha da homenaxe. Unha actuación, dixo, que amosa a posibilidade de compartir intereses e proxectos en ámbitos, como a cultura, de carácter súper-estrutural. A concelleira coincidiu na urxencia de recuperar e valorizar figuras da calidade do compositor galego e apuntou que dende o executivo local se procurou arroupar a homenaxe co "mellor escenario que temos, a praza da Quintana, e as festas do Apóstolo, para que o escenario estivese a altura do recoñecemento e da achega musical que Chané fixo".

Na presentación do concerto, a banda ao completo ofreceu para os asistentes un petisco musical, coa interpretación de "Unha noite na eira do trigo", unha cantiga con letras de Curros Enríquez e música de Chané.

Logo do concerto en Compostela, haberá unha nova posibilidade de descubrir a obra deste autor esencial para evolución da Música Popular Urbana Galega na cidade da Coruña. Será na praza de María Pita, o 3 de agosto. Xa no outono, Rianxo e Melide converteranse en escenario da presentación do disco conmemorativo do evento que se está a gravar estes días no Auditorio de Galicia.

A recuperación dun músico imprescindible
A vida e a obra de Chané están fortemente ligadas ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e A Habana. En Santiago naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), converténdose nun neno prodixio da guitarra e da bandurria e xurandó, coa Rondalla Chané, por cafés e teatros de Galiza, Portugal e España.

De adolescente estableceuse na Coruña, onde se consagrou como o músico galego máis popular do momento, en pugna cos grandes mestres Pascual Veiga e Juan Montes, responsables os tres da creación do movemento orfeonístico galego e da popularización da melodía galega de concerto. Chané dirixiu o Orfeón El Eco, formación de referencia co que gañou moitos concursos e recoñecementos, no só en Galiza, senón tamén en Barcelona, Madrid ou París. Nesta cidade é premiada a súa obra A foliada, na que por vez primeira introduce elementos da música tradicional galega nas súas composicións.

Marchou a Cuba no 1983, reclamado polo Centro Galego da Habana, onde se encargará do coro Ecos de Galicia e da formación musical no Centro Galego. Logo virían a creación da Sociedad Coral Gallega, de Os Cantores Celtas, o primeiro coro folclórico galego da emigración, a súa implicación en empresas culturais como a creación da Academia Galega ou a súa fraternal amizade con Manuel Curros Enríquez, do que musicaría textos emblemáticos como "Un adiós a Mariquiña". Esta e outras obras de Chané espertarán o interese de grandes nomes da lírica internacional como Marino Aineto, Lucrecia Arana, Chalía Herrea, Ofelia Nieto ou Conchita Supervía, grazas ao cal pasa a ser un autor habitual en salas de concertos de Europa e de América e tamén nos catálogos discográficos da incipiente industria fonográfica internacional. A súa popularidade esténdese internacionalmente e pasa a converterse nun mito en vida, ao que as principais personalidades da cultura galega e da música visitan cando viaxan a Cuba.

Finou na Habana en 1917, pero o Centro Galego da Habana transportou axiña os seus restos mortais a Galiza, onde foron recibidos cunha gran caravana fúnebre. Chané recibiu sepultura, con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro, no que foi o enterro máis multitudinario dun músico na Historia de Galiza.

"Os teus ollos", "Un adiós a Mariquiña", "Cantiga", "A foliada"... Na súa obra, conxúganse elementos estilizados tomados da música tradicional galega e formas puramente románticas como a balada. E é que Chané acadou unha enorme popularidade con cancións xeradas, inicialmente, no ámbito académico. Esta tensión entre o erudito e o popular e o feito de que Chané viviu toda a súa vida exclusivamente da música, sen o apoio da Igrexa (algo inédito para un músico galego do seu tempo), convirte a celebración da súa figura nunha oportunidade única para reivindicar a potencia que tivo historicamente a música galega.

Direccións relacionadas



Compartir: