FESTAS

Santiago e Padrón renovan os seus lazos de irmandade

26/07/2017 As festas do Apóstolo celebraron este mércores o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.

Xa no salón nobre de Raxoi, Martiño Noriega lembrou un ano máis os fortes lazos de irmandade que unen os dous municipios e que se lembran sempre con motivo das festas. Así, referiuse aos vínculos entorno ao Camiño de Santiago, a persoeiros históricos compartidos ou en diversos ámbitos sociais e económicos. A esas relacións aludiu tamén o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, quen convidou a cidadanía compostelá a vivir a Festa do Pemento de Herbón o vindeiro 6 de agosto.

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Compartir: