FESTAS

A Banda Municipal colabora con Emilio Rúa e Treixadura nos seus próximos concertos das festas do Apóstolo

26/07/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe os próximos concertos que ofrecerá a Banda Municipal de Música no marco da programación do Apóstolo, e nos que a formación contará coa colaboración doutros grandes artistas e músicos do país. Así, a Banda estará acompañada mañá xoves na praza de Praterías polo cantautor Emilio Rúa, e o domingo 30 subirá ao escenario da Quintana con Treixadura e Cantigas e Agarimos.

O alcalde explicou que o Concello quere "poñer en valor a Banda Municipal, dándolle un maior protagonismo nas festas do Apóstolo e poñendo ao seu dispor grandes escenarios como o da Quintana". Ademais, estes concertos "son unha oportunidade para que a Banda mostre a calidade dos seus músicos, con repertorios moi diferentes aos habituais".

Nesa liña incidiu o director da Banda, Casiano Mouriño, que explicou que no concerto de mañá con Emilio Rúa "a formación cambiará totalmente de rexistro, achegándose a estilos como o pop, o rock ou mesmo o jazz". En canto ao concerto do día 30, mostrou a satisfacción da Banda por "colaborar por primeira vez cunha agrupación histórica como Treixadura, e facelo ademais xunto con Cantigas e Agarimos, cos que xa temos compartido escenario noutras ocasións".

A Banda con Emilio Rúa
Mañá, a partir das 20:00 horas, a Banda Municipal de Música tocará acompañada polo cantautor Emilio Rúa, nun concerto que fora programado para conmemorar o Día Mundial das Persoas Refuxiadas (20 de xuño), pero tivera que ser suspendido por mor do mal tempo.

Emilio Rúa recoñeceu que "é un privilexio para un cantautor levar os seus temas a este formato máis sinfónico e cunha formación da calidade da Banda de Santiago". No concerto de mañá escoitaranse temas do artista ourensán como "O último baile", "Cinco flores de lis" ou "En terra de lobos", pero tamén versións de cancións tan coñecidas como "La chica de ayer", de Nacha Pop; "Imagine", de John Lennon, ou "A Carolina".

Treixadura e Cantigas e Agarimos
O domingo 30 de xullo, a Banda Municipal de Música actuará na praza da Quintana con Treixadura e Cantigas e Agarimos. O alcalde salientou a enorme expectación que xerou este concerto, "ata o punto de que as invitacións para velo en cadeira xa están esgotadas dende hai días". Martiño Noriega lembrou que igualmente se pode acceder á Quintana para ver o concerto de pé ou dende as escaleiras da propia praza.

Un dos compoñentes de Treixadura, Xaquín Xesteira, mostrouse convencido de que "esta actuación chegará ao corazón de todos os galegos e galegas, ao xuntar nun único escenario as tres tipoloxías de formación musical máis senlleiras de Galicia". Para el, o concerto vai ser "emocionante e memorable".

Dende Cantigas e Agarimos, Antón Fernández lembrou que "a historia de Cantigas non se entendería sen a Banda Municipal de Santiago, porque os nosos primeiros directores foron parte desa formación musical". Para a agrupación tradicional "é un pracer e un orgullo colaborar con Treixadura e coa Banda, e máis facéndoo nun espazo de referencia como é a praza da Quintana".

Direcciones relacionadas



Compartir: