FESTAS

Os Fogos do Apóstolo repasaron a historia festeira de Compostela

24/07/2017 Noite grande en Compostela coa celebración dos Fogos do Apóstolo, preludio do día grande das festas. A praza do Obradoiro e diversos puntos da cidade enchéronse un ano máis para presenciar o espectáculo audiovisual e pirotécnico que este ano realizou Acciona Producciones y Deseño, acompañado na parte pirotécnica por Ricardo Caballer.

Os Fogos do Apóstolo fixeron este ano un percorrido polas tradicións vinculadas ás celebracións de Santiago, dende as festas do Cendal coas que se lle rendía homenaxe ao Apóstolo ata finais do século XVII. Así, o público puido observar proxeccións como as das carreiras de cabalos que se celebraban na contorna da ermida de San Lázaro dende xa antes do século XVI.

O repaso audiovisual á historia festeira da cidade incluíu tamén a proxección dos diferentes tipos de fachadas que queimaron nos Fogos do Apóstolo ao longo dos anos. Observáronse ata seis fachadas, deseñadas no seu día polos arquitectos municipais, a primeira do ano 1852.

Esta secuencia rematou co propio Pazo de Raxoi virtualmente en chamas, segundos antes dunha das sorpresas da noite, a aparición nos balcóns da Casa do Concello dun grupo de pandereteiras da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos.

Como é habitual, no espectáculo tampouco faltaron as secuencias relativas ao Apóstolo Santiago, neste caso ás formas nas que foi representado co paso dos séculos, tanto en Europa como en Asia ou América do Sur. Outra das partes máis rechamantes da noite foi a da construción do Pazo de Raxoi, coa que se iniciou a parte audiovisual.

A parte das proxeccións completouse coa aparición dos tradicionais xigantes e cabezudos e cun repaso a algúns cidadáns e cidadás ilustres de Compostela.

Proxeccións tridimensionais e pirotecnia
Todas estas escenas foron plasmadas mediante proxeccións con efectos tridimensionais, realizadas baixo a técnica do mapping, e con iluminación 360 graos na praza do Obradoiro. Para lograr unha sensación inmersiva, a empresa utilizou dez proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 32 focos de iluminación, e catro torres de son cunha potencia total de 40.000 watios.

Non faltou no espectáculo a pirotecnia, coa utilización de case 440 quilos de pólvora en máis de 3.000 ordes de disparo. Desta vez, os artefactos lanzáronse dende o Pazo de Raxoi, o que fixo que a parte pirotécnica fose máis visibles dende outros puntos da cidade para aquelas persoas que non puideron entrar na praza do Obradoiro.

Repetición os días 25 e 26
En calquera caso, cómpre lembrar que, para garantir que o espectáculo audiovisual poida ser visto por máis xente, repetirase este martes 25 e o mércores 26, con funcións ambos os dous días ás 22:30 e ás 23:30 horas.

Compartir: