FESTAS

A Quintana acolle a proxección de "Il trovatore" de Verdi a cargo da Orquestra Sinfónica e o Coro do Gran Teatre del Liceu

20/07/2017 A variedade de actividades e estilos musicais é unha das características destas festas do Apóstolo, que nos traen un venres de accións dentro do programa Artellando e un concerto de ópera que se proxectará na praza da Quintana.

Ás 14:00 horas dará comezo unha xornada máis do programa Artellando nos barrios e nos recunchos, que achega as festas a numerosos barrios da cidade. Dende as 12:00 e ata as 21:00 horas, os parques de Bonaval e da Alameda acolleran, cada 30 minutos, performance sonoras que se emitirán dende estes parques e que nos achegarán a Berio Molina e Bucorde.

Pola tarde, a partir das 19:00 horas, é a vez de que pequenos e maiores pasen un bo rato grazas aos xogos tradicionais Papurrubio, que realizarán numerosas actividades no CSC do Castiñeiriño. Á mesma hora, no CSC de Santa Marta, é o momento da produtora Torre de Babel e a súa obra de arte escénica que leva por nome Cerebro, artes e acción. O Artellando alóngase ata as 23:00 horas cunha actuación na praza do Toural a cargo de Cosmotrópicos.

Ópera na Quintana
Ás 22:00 horas, a praza da Quintana acolle a proxección simultánea da ópera Il trovatore, de Verdi, a cargo da Orquestra Sinfónica e o Coro do Gran Teatre del Liceu. Realizarase unha proxección en varias cidades e haberá imaxes de todas elas. Como é habitual, a entrada é de balde ata completar aforo e poden recollerse invitacións para as cadeiras na billeteira do Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: