FESTAS

Chévere conclúe a revisión dos seus 30 anos de historia cunha despedida por todo o alto na praza da Quintana

19/07/2017 Como colofón do maratón escénico co que conmemora trinta anos de traballo nas táboas, Chévere devolve a Santiago a representación de Ultranoite no país dos ananos, a única das obras do ciclo que non puidera ser vista na cidade. Ás 23:00 horas, a compañía desembarca na Quintana cun cabaré nihilista que bebe das obras de Celso Emilio Ferreiro e Jonathan Swift para propor un percorrido satírico polo corredor atlántico.

A ultranoite é un formato teatral e cabareteiro cociñado na Nasa no 1993 e que dende entón vén renovándose e acubillando a varias xeracións de actores, actrices, cantantes e músicos de Galicia. Durante estes 20 anos, as sucesivas ultranoites deitaron un reflexo crítico, cómico e retranqueiro da actualidade política, social e cultural, e convertéronse nunha crónica escénica da historia recente do país.

O espectáculo que hoxe chega a Compostela, estreouse en 2014 na veciña localidade de Teo. Ate alí se desprazaron 1.472 persoas co gallo de desfrutar deste cabaré que os Chévere definen como perralleiro e irreverente. As localidades para poder velo sentado na praza da Quintana esgotáronse de contado. Fica, porén, a posibilidade de achegarse á praza para asistir ao espectáculo dende as escadas da Quintana. O acceso é gratuíto ate completar aforo.

Sinopse
O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e por un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro.

A Ultranoite no País dos Ananos é ademais un musical atípico, ofrece unha visión moi crítica da Galicia oficial a través dun humor corrosivo e unhas cancións que non deixan lugar á esperanza, pero que teñen un lirismo, unha beleza e unha contundencia expresiva unanimemente aclamadas polo público e a crítica.

Direccións relacionadas



Compartir: