FESTAS

A Romaría Cativa e o concerto da Real Filharmonía con Uxía, pratos fortes da sétima xornada do Apóstolo

19/07/2017 Seguen as festas do Apóstolo cun xoves que vén marcado pola programación infantil, a música ao vivo e o concerto da pregoeira das festas, Uxía Senlle, coa Real Filharmonía de Galicia.

A programación comezará xa de mañá grazas a un novo día de Artellando, que trae Baile Assalto e a Romaría Cativa, unha festa que se celebrará durante toda xornada no parque do Restollal.

A Romaría Cativa iniciarase ás 12:00 horas cun espazo de xogo libre con Xogos Xandobela e coa elaboración dun mural de plástico con Babaluva. A partir das 12:30 horas é a quenda de Anxo Moure, Simon Pinhón e Percubebés, que nos achegan os Contos para coidar a terra, O gaiteiro bucólico ou Veu por aquí, marchou por Alá, sesión que repetirán pola tarde, a partir das 17:30 horas.

A última actividade da mañá será o concerto de Mari Faltri e Jorge Juncal que leva por nome Fantasía coas palabras. A Romaría volve pola tarde, a partir das 17:30 e continuará ata as 19:30 horas con dous concertos, a cargo de Golfiños e de Sons Miúdos.

O Artellando tamén nos achega os obradoiros de iniciación ao baile con música ao vivo Baile Assalto dende as 12:30 e ata as 22:00 horas na praza do Toural. Haberá bailes mandados, baile galego, obradoiro exprés e concerto a cargo de Os Cempés.

Real Filharmonía e Uxía
A atención centrarase na praza da Quintana a partir das 21:00 horas co concerto que a Real Filharmonía de Galicia dará coa pregoeira das festas deste ano, Uxía Senlle. Os convites para poder ver o concerto dende as cadeiras xa están esgotados dende o luns, pero aínda é posible acceder ás escaleiras da Quintana, así como ao espazo habilitado para seguir a actuación de pé.

A maiores, esta sétima xornada de festas achéganos o concerto Grandes Zarzuelas da Banda Municipal de Música, que actuará na praza das Praterías ás 20:00 horas baixo a batuta do seu director Casiano Mouriño. Un pouco antes, ás 18:00 horas na Vía Sacra, vibraremos coa música tradicional de Tiberevi e, ás 20:30 horas na praza de Feixoo, cos boleros de Pardo & King, estes dous concertos grazas á organización do colectivo Cidade Vella.

Direccións relacionadas



Compartir: