FESTAS

As festas do Apóstolo volven reservar unha noite para as bandas galegas

19/07/2017 Por terceiro ano consecutivo, a programación das festas do Apóstolo reserva unha noite para que a praza da Quintana se encha de música feita en Galicia. Será o 25 de xullo, cando cinco bandas galegas volverán xuntarse nese escenario. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o concerto, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por representantes de tres dos grupos que van pasar pola Quintana: Anxela Baltar, de Bala; Guillermo Zapata, de Bifannah; e Pablo, de Comando Katana.

O concerto do próximo 25 de xullo comezará ás 22:00 horas e contará coa participación de Comando Katana, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha. O alcalde lembrou que este será o terceiro ano no que as festas do Apóstolo inclúen un concerto protagonizado exclusivamente por bandas de Galicia e recoñeceu que "non hai mellor día para esta proposta que o propio 25 de xullo". Para Martiño Noriega, esta cita é tamén "unha mostra de reivindicación da nosa identidade cultural e un concerto que proclama a nosa autoestima".

Nesa liña pronunciáronse os membros dos grupos participantes, que agradeceron a oportunidade que da o Concello para mostrar "o talento, a diversidade de estilos e o gran traballo que se está a facer na música galega". Anxela, Guillermo e Pablo recoñeceron tamén que para todas as formacións "é especial tocar na praza da Quintana, e máis facelo nun 25 de xullo"

Distintos estilos musicais
O grupo encargado de abrir o concerto será Comando Katana, nacido en Santiago en 2003 e que foi evolucionando por distintos estilos ata conseguir unha identidade propia, difícil de clasificar pero influenciada polo reggae, o soul ou o dancehall.

En canto a Bifannah, é unha banda asentada entre Reino Unido e Galicia, formada no outono de 2015. O seu son é resultado de mesturar a cadencia do 60 moodys garange e a tropicalia lisé. O ano pasado, Bifannah lanzou dous videoclips e percorreu boa parte da Península, e a comezos de ano gravou o seu primeiro LP, Maresía.

Tamén está presentando o seu novo LP o terceiro dos grupos que participarán no concerto, Jay. O traballo leva o nome de Fuimos nosotros e supón a reinvención da banda.

Polo escenario da Quintana pasará tamén Bala, unha formación que está no seu mellor momento, que vén de esgotar e reeditar o seu primeiro traballo, Human Flesh, e que está a presentar o seu segundo disco, Lume. Este traballo está a levar a banda por toda a Península e mesmo a lugares máis remotos como Xapón ou Australia.

Novedades Carminha serán os encargados de pechar este ano o concerto das bandas galegas no Apóstolo, cunha actuación na que presentarán os temas do seu cuarto traballo, Campeones del Mundo. A banda volve a Santiago despois de encher multitude de salas por toda España e de participar en ducias de festivais tanto no Estado como en México.

Direccións relacionadas



Compartir: