FESTAS

O concelleiro de Festas destaca a "masiva participación" de composteláns e turistas nas actividades do Apóstolo

31/07/2010 Despois de dezaséis días intensos de actividades, grandes concertos e diversión polas rúas de Compostela, as Festas do Apóstolo 2010 chegan esta ao seu fin. A actuación de Pereza na noite do venres 30 marcou o inicio do fin destas festas. Ante un público aproximado de 3.000 persoas, o grupo madrileño interpretou na Quintana un total de 25 temas ao longo de dúas horas.

Con motivo do peche das festas deste ano, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, fixo un pequeno balance destes días que contaron cunha "masiva participación de visitantes, turistas, peregrinos e composteláns en todas as actividades do programa festivo".

A gran variedade do programa, cun cartel tradicional xa asentado e grandes concertos de todos os estilos musicais axudou a unha alta afluencia de seguidores dende o comezo. Co pregón, o cal estivo a cargo de Jorge Mira e Yolanda Castaño, entrouse con bo pé no programa festivo. Miles de persoas encheron ao Obradoiro a noite do venres 16 para poder gozar da súa lectura e do posterior concerto do asturiano Melendi.

Grandes momentos do Apóstolo 2010
Baqueiro destaca a ampla participación cidadá no fin de semana grande. Así, sinala que a noite dos fogos do 24 de xullo "foi un éxito de público e organización". Arredor de 150.000 persoas situadas nos diferentes puntos de visión da cidade, disfrutaron do extraordinario espectáculo que preparou a pirotecnia Caballer para este ano Xacobeo. Un espectáculo máxico de luz e son que logrou sorprender e satisfacer aos espectadores.

No día do Apóstolo, 25 de xullo, tivo lugar outra das xornadas festivas máis significativas e especiais. A visita das súas Maxestades os Reis, don Juan Carlos e dona Sofía, creou unha gran expectación na cidade e fixo que centos de persoas se achegasen ao Obradoiro para poder velos de preto. A actuación do grupo galego Milladoiro na noite do 25 tamén logrou o "cheo completo" na Quintana.

As réplicas dos fogos que se sucederon ao longo de toda a semana, como reprodución do formato do gran espectáculo de luz e son da noite do 24, foron, segundo Baqueiro, "unha das novidades do programa que máis gustaron" cunha media de 8.000 persoas por día.

O encontro de xigantes e cabezudos que se celebrou o sábado 24 conseguiu tamén ocupar a praza da Quintana e toda a zona vella. Así, unha vez máis, o cartel tradicional das festas, con actividades xa asentadas e consolidadas como son as Xornadas do Folclore Galego, o Día do Traxe ou o Encontro de Cabezudos, conseguen cada ano unha maior participación e afluencia de espectadores.

Fin de festa con fogos artificiais e concerto de Jean Michel Jarre
O broche de ouro do Apóstolo tivo lugar co concerto de Jean Michel Jarre e cos fogos de fin de festa, que se celebraron na escalinata do campus a partir das 24:30 horas. Empregáronse máis de 1.500 artificios, compostos de 4.000 instrucións de disparo electrónico.

Durante toda a xornada celebrouse a XXXI edición do Día do Traxe Galego. Pola tarde tivo lugar o Certame do Traxe. O desfile percorreu Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana. Logo celebrouse a exhibición de traxes e entrega de premios.

8.000 persoas puideron contemplar o espectacular concerto de Jean Michel Jarre na praza do Obradoiro. O músico francés, sobre un escenario diante da propia Catedral, despregou un amplísimo repertorio de música, luces e efectos especiais, que conseguiron a admiración do público, moito chegado de fóra de Galicia, entre eles moitos seguidores de Jarre.

A orquestra Trovadores puxo a música e o baile na Alameda a partir das 23:00 da noite. Outra opción musical estivo no Toural, co concerto de Liridade Noctámbula. Tomou o relevo Son Tres, que pechou as festas con música latina en San Paio de Antealtares.

Compartir: