FESTAS

O Toural recibe aos romaneses Nightlosers, un grupo de blues con raíces do seu folk natal

28/07/2010 O grupo romanés de blues Nightlosers serán os principais protagonistas dunha nova xornada das festas do Apóstolo. Será unha sesión moi especial na que, ademais de música, haberá mímica.

A xornada do xoves 29 comezará cunha nova actuación da Banda Municipal de Música, que ofrecerá un concerto ás 19:30 horas na rúa do Vilar. Tocarán cinco pezas de diferentes estilos e autores: Faustino Rozalén, de X. Carlos Seráns; Alborada de Carril, de F. Landín; Aída (escea e gran marcha), de G. Verdi; e A voda de Luís Alonso, de G. Giménez.

A outra alternativa musical do día será a actuación do grupo romanés Nightlosers, acompañado pola representación mímica dos actores Mihai Baranga e Andreea Paduraru, que traen a Santiago o espectáculo Flirt!, galardoado co Premio do Público no Festival Internacional de Teatro de Belgrado en 2007 e o de Mellor Actriz no Festival Internacional de Teatro de Finlandia.

O concerto, realizado en colaboración co Instituto Cultural Rumano, comezará á unha da madrugada. Nightlosers é unha banda etno-blues de Romanía que destaca pola súa capacidade para atopar raíces comúns entre o seu país e o rock, blues e folk de Europa do Leste.

Cantan habitualmente en inglés, cun son moi clásico no que ao blues tradicional se refire, pero rapidamente se deixan influír pola tradición romanesa, cun gran protagonismo do violín e a viola, tocados polo guitarrista El Lako Jimy. Utilizan instrumentos pouco habituais, como o "taragot" que eles mesmos describen como "kind of clarinet" polo seu descoñecemento no exterior, o cimbalon (un instrumento de orixe incerta: é unha especie de gran salterio, de corda e tocado con mazos).

Os Nightlosers realizan moitas xiras por Canadá, Estados Unidos e a gran maioría por países europeos: Chequia, Alemaña, Inglaterra, Holanda, Portugal, ou Noruega, entre outros.

Compartir: