FESTAS

Santiago e Padrón, dúas vilas unidas polo Apóstolo dende hai 1.197 anos

28/07/2010 Como cada edición das festas do Apóstolo, o municipio veciño de Padrón tivo o seu día. Correspondendo á última visita compostelá nas festas da Pascua de Padrón, esta vez foi a Corporación padronesa a que se desprazou a Santiago, encabezada polo seu alcalde, Camilo Forján.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao rexedor de Padrón na praza do Obradoiro, onde procederon ao protocolario intercambio de bastóns. Despois do saúdo entre alcalde e concelleiros das respectivas corporacións, tempo para uns breves discursos no Salón Nobre de Raxoi.

Forján recordou se cumprían 25 anos da recuperación desta tradición do Día de Padrón en Santiago. Neste período, apuntou Sánchez Bugallo, "percorreuse un inmenso Camiño", en referencia á propia ruta de peregrinación e á tradición xacobea. Neste sentido, recordou o impulso que para o Camiño supuxo a visita do Papa en 1989 ou o Xacobeo 1993.

O rexedor compostelán recordou o éxito deste Ano Santo e, en concreto, anticipou que moi probablemente neste mes de xullo se supere o millón de visitantes. Tamén prognosticou que se superará aproximadamente nun 50% o número de peregrinos que visitaran Santiago no anterior Xacobeo, en 2004. Esta afluencia de visitantes tamén a está a notar a vila padronesa, como indicou Camilo Forján.

Tras lembrar a unión de Padrón e Santiago dende o descubrimento dos restos dos Apóstolo hai agora 1197 anos, ambos rexedores agradeceron a hospitalidade dos respectivos pobos e comprometéronse a seguir traballando xuntos en materias coma o turismo.

Rematados os discursos, os alcaldes e os concelleiros saíron aos balcóns de Raxoi. Dende alí escoitaron as notas interpretadas conxuntamente polas bandas municipais de Santiago e Padrón.

Compartir: