FESTAS

Elvis Costello e Diana Krall aterran na Quintana no marco das festas do Apóstolo

26/07/2010 Para a xornada do martes 27, o Xacobeo organiza un concerto de altura para as festas do Apóstolo. Elvis Costello e Diana Krall protagonizarán un concerto de gran formato na Quintana. Será un concerto dobre deste matrimonio que por primeira vez actuará conxuntamente en Galicia.

En primeiro lugar sairá ao escenario Diana Krall e a continuación será a quenda de Elvis Costello, aínda que non se descarta unha actuación conxunta da parella. Krall presentará o seu duodécimo traballo, Quiet Nights, con temas relacionados cunha viaxe que a cantante realizou a Brasil. Quiet Nights é un álbum íntimo, sensual, seductor, mesmo erótico e con sons da bossa nova e do país carioca, ademais dunha declaración de amor pública ao seu marido. Pola súa parte, Costello trae a Galicia Secret, profane & sugarcane, o seu último disco, cheo de música acústica americana.

A pianista e cantante canadiense de jazz e o músico, cantante e compositor británico forman unha parella de grandes artistas, como outras tan afamadas compostas por Paul e Linda McCartney, John Lennon e Yoko Ono, Mick Jagger e Marianne Faithfull. Este concerto non é o primeiro para ningún dos dous artistas en Galicia. Costello encheu o pavillón de As Travesas de Vigo en 2005 e Krall desbordou o Palacio da Ópera de A Coruña en 2008.

Pero esta non é a única cita musical prevista para o martes. No Toural, o grupo coruñés de Valdoviño CrazyPonys fará un tributo á música de Neil Young a partir das 23:30 horas. Finalmente, e un día máis, haberá espectáculo pirotécnico dende o Obradoiro ás once e media da noite.

Compartir: