FESTAS

A música negra do Amen Gospel Choir, protagonista dunha nova xornada das Festas

25/07/2010 Arrinca a segunda semana das festas do Apóstolo. O prato forte da xornada do luns 26 de xullo será a actuación do Amen Gospel Choir na praza da Quintana, ás 22:00 horas. Esta formación é unha das máis versátiles no campo da música gospel e no seu repertorio inclúese dende o máis tradicional ata o máis contemporáneo, pasando polos espirituais e os himnos.

Dende a súa creación en 1994 gozaron do recoñecemento do público no estado de Mississippi, o seu estado orixinario, e a nivel internacional. Entre os seus discos máis coñecidos destacan Jesus is my Rock, que gravaron xunto ao cantante Dorothy Norwood, Draw me Nearer ou Swing Low. Amen Gospel Choir actuou nas máis prestixiosas salas do mundo, dende o Carnegie Hall, o Apollo Theater e o Lincoln Center de Nueva York ao Superdome de Los Ángeles. Con David Curry ao fronte, cofundador e director musical do lexendario Mississipi Mass Choir, presentan A Tribute to Mahalia, en honor á inmortal Mahalia Jackson.

Non cómpre esquecer tampouco que de novo haberá un espectáculo da empresa Pirotecnia Caballer, que aproveitará ás noites despexadas que se pronosticaron para toda a semana para ofrecer continuas explosións de luz e son.

Documentos relacionados



Compartir: