ALCALDÍA

O Rei pide axuda ao Apóstolo para superar canto antes a crise económica

25/07/2010 A Súa Maxestade o Rei realizou a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. A actual situación de crise económica estivo moi presente en todo o seu discurso, no que demandou axuda para superala e afrontar un "camiño de progreso, emprego e maior benestar".

Tras pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades na praza do Obradoiro, Don Juan Carlos dirixiuse á Catedral, onde asistiu á Santa Misa. No transcurso da mesma pronunciou a súa Ofrenda, na que lle pediu ao Apóstolo o seu "amparo e intersección" para todos os españois. Tivo un especial recordo para os milleiros de peregrinos que percorren "o máis fermoso dos Camiños que cruzan a terra". Este Camiño, dixo, inspira "o afán de superación, a vontade de concordia e o compromiso de solidariedade".

"Vivimos tempos difíciles e complexos", recordou, polo que demandou do Apóstolo a súa axuda para "resolver canto antes a grave crise económica que atravesamos" e para que "ilumine" aos responsables políticos, económicos e sociais neste cometido. "Non é tempo de desánimo, senón de moito traballo e dedicación", engadiu, animados pola confianza e a esperanza que os españois debemos ter nunha España que, nos últimos decenios, soubo sobrepoñerse ás dificultades e resolver os problemas coa entrega de todos e no marco da nosa Constitución".

Tamén lle solicitou ao Señor Santiago a súa gracia para "conservar e mellorar día a día o moito que temos conseguido, así como a promover o diálogo e o consenso, a tolerancia e o respecto mutuo, o amor á xustiza e á equidade, para reforzar os piares da nosa convivencia en liberdade en torno ás reglas e principios que nos temos querido dar".

Fomentar o que nos une
Insistiu en "fomentar todo aquilo que nos une e nos fai máis fortes, que ensancha o afecto entre os nosos cidadáns, que asegura a solidariedade entre as nosas Comunidades Autónomas, e que fai de España a gran familia unida, ao tiempo que diversa e plural, da que nos sentimos orgullosos".

Así mesmo, Don Juan Carlos avogou pola erradicación do "odio, violencia e sinrazón da barbarie terrorista", polo alonxamento dos "egoísmos e intransixencias" e polo amparo "aos que menos teñen, aos que sofren, aos enfermos, aos marxinados e aos excluídos sociais". Finalizou a súa intervención con referencias a Europa, a Iberoamérica e a Galicia, capítulo este que realizou en galego.

Nesa mensaxe de esperanza incidiu tamén o arcebispo Julián Barrio na súa homilía. Animou a "non caer no pesimismo" e a traballar por unha "convivencia solidaria". Pediu ao Apóstolo polos peregrinos e aos gobernantes desexoulles "fortaleza, xenerosidade e constancia na busca do ben común".

Entre as autoridades presentes na Ofrenda, estaban tamén, entre outras, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o ministro de Fomento, José Blanco; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; varios conselleiros da Xunta, concelleiros da Corporación e diversas autoridades políticas, militares, xudiciais e académicas.

Recepción en Raxoi e agasallos
Tras o acto relixioso e logo de abrazar ao Apóstolo, as Súas Maxestades dirixíronse ao Concello. Durante o percorrido, saudaron aos milleiros de cidadáns presentes na praza do Obradoiro, que os corresponderon con aplausos. Xa en Raxoi realizouse a tradicional recepción ao Delegado Rexio.

Don Juan Carlos e Dona Sofía asinaron no Libro de Ouro. Despois, alcalde compostelán obsequiou ao Rei cunha colección de moedas conmemorativas do Xacobeo 2010, elaboradas en prata de lei, e á Raíña cunha "pulseira peregrina", unha xoia que se pode personalizar, xa que cada fito representa un lugar, un elemento e unha virtude do Camiño. Os monarcas saíron tamén aos balcóns de Raxoi para volver a saúdar ás persoas congregadas na praza do Obradoiro.

Direcciones relacionadas



Compartir: