FESTAS

Os Fogos do Apóstolo introduciron a milleiros de persoas nunha viaxe de luz e son a través de Santiago e a tradición xacobea

24/07/2010 Milleiros de persoas presenciaron un ano máis e dende diversos puntos da cidade os Fogos do Apóstolo. Os máis madrugadores, que dende primeiras horas da tarde encheron a praza do Obradoiro, puideron presenciar máis de preto unha viaxe de luz e son a través da historia e das tradicións que rodean a figura do Apóstolo, o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e Galicia enteira.

Un iluminado Apóstolo Santiago no máis alto da Catedral deu comezo a un espectáculo no que se sucederon diversas proxeccións no templo arredor da propia figura do Santo, de Santiago ou de Galicia. Todo isto ao ritmo da música de Reinhold Heil, Johnny Klimek, Tom Tykwer, Lluis Llach, Carlos Núñez, Mike Oldfield ou Milladoiro, Clint Mansell. Tamén houbo música en directo, da man dun grupo de gaiteiros que soaron dende os balcóns da Catedral.

Nesta ocasión, a fachada gótica ardeu aos poucos minutos de comezar o espectáculo, deixando paso ás proxeccións e a momentos de especial intensidade pirotécnica, sobre os ceos de Compostela e dende a propia Catedral. Este ano, os fogos de artificio foron máis visibles que nunca dende o Obradoiro e dende o resto de lugares da cidade, xa que se lanzaron tamén dende a horta do mosteiro de San Martiño Pinario.

Os milleiros de persoas presentes no Obradoiro responderon ás distintas partes do espectáculo cos seus aplausos e exclamacións. Mesmo cando a música así o permitía, acompañárona con palmas. Ao final, e tras media hora de fogos, a festa continuou polas ateigadas rúas de Compostela, onde se daban cita máis de 150.000 persoas.

Compartir: