FESTAS

Fogos artificiais, historias xacobeas e Lamatumbá na noite grande do Apóstolo

23/07/2010 Xa está case todo listo para os Fogos do Apóstolo, que comezarán ás 23:30 horas do 24 de xullo dende o Obradoiro. A organización distribuirá entre os presentes na praza unha guía para seguir o espectáculo. Do 25 ao 30 de xullo haberá réplicas do espectáculo dende a praza do Obradoiro e o sábado 31 os fogos de fin de festa dende a escalinata do Campus Vida.

O espectáculo do 24 de xullo marcará unha viaxe a través da historia e das tradicións que rodean a figura do Apóstolo, o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e Galicia enteira. As luces proxectadas sobre a fachada da Catedral e a música serán o acompañamento aos fogos de artificio.

Como novidade este ano, a pirotecnia tamén lanzará os fogos de altura dende a horta do mosteiro de San Martiño Pinario para ofrecer unha maior visión aos presentes no Obradoiro e ao resto de persoas que agardan en diversos puntos da cidade para gozar co espectáculo. Neste punto, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, recomenda situarse en puntos como o Pedroso, San Clemente, Alameda (Paseo dos Leóns), zona da residencia do presidente da Xunta en Monte Pío e Monte de Dios de Vite, lugares con excelente visión para non perder detalle dos fogos de artificio.

A montaxe da noite do 24 de xullo durará un total de 31 minutos, acompañados de músicas de Reinhold Heil, Johnny Klimek, Tom Tykwer, Lluis Llach, Carlos Núñez, Mike Oldfield, Milladoiro, Clint Mansell ou Sting, que soarán cunha potencia de 40.000 vatios de son. As luces terán unha potencia de 100.000 vatios. As bengalas dispostas para a queima da fachada gótica serán 3.000, de catro cores intermitentes con cambio a branco. En total haberá máis de 5.000 artificios e 25.000 efectos pirotécnicos.

Lamatumbá poñerá ritmo a unha longa noite de festa
A orquestra Gran Canaria actuará na Alameda, a partir das 23:30 horas. A continuación, á media noite, o grupo galego Lamatumbá chegará á Quintana coa intención de seguir a festa.. No Toural, tamén soará música a ritmo de blues. O galego Víctor Aneiros comezará a sacar os primeiros acordes da súa guitarra sobre unha da madrugada.

Cabezudos para o inicio da xornada
A partir das 12:00 horas do sábado 24, os máis pequenos terán a oportunidade de ver os xigantes e cabezudos de Santiago en acción, cos seus bailes e paseos polas rúas da zona vella. Será un encontro no que xuntos darán as tradicionais tres voltas á praza da Quintana, para a continuación executar os seus bailes. Despois farán un percorrido polas rúas ata o Toural, onde terá lugar un encontro pequeno, coa danza do "Alcalde" e a "Alcaldesa" e co "Coco" e a "Coca".

A longa historia dos xigantes composteláns
Os Xigantes, propiedade do Excmo. Cabido da S.A.M.I. Catedral, datan de tempos inmemorables, e representan aos tres continentes, Europa, Asia e África. A primeira cita documental data de 1660, obra do escultor Mateo del Prado, que executou os moldes para oito xigantes do Corpus. Posteriormente foron recompostos por Clemente Fernández Sarela, en 1757, e en 1784 foron repasados por Juan Pernas. Xa en 1993 César Lombera realizou unha copia en fibra de vidro.

A comparsa de Cabezudos do Excmo. Concello creouse tamén no ano 1879, para realizar danzas diante das casas dalgunhas autoridades e da alta sociedade compostelá. Estas danzas mantéñense por tradición oral dende esta data, con algúns retoques correspondentes á moda de cada época. Sempre levaron acompañamento musical, ata ter hoxe en día o respaldo de diversas charangas.

Este ano, o Departamento de Festas recupera unha antiga figura, a "Coca", un dragón mitolóxico que figuraba na procesión do Santo Corpo coas danzas gremiais, e que desapareceu cara o ano de 1840 coa disolución dos gremios.

Compartir: