FESTAS

Máis de 5.000 artificios e 25.000 efectos pirotécnicos acompañarán o espectáculo sobre a tradición xacobea da noite do 24

22/07/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; e responsables da Pirotecnia Caballer, Pepe Bravo –xefe de Produción– e Ernesto López –xefe de Operacións– presentaron na sede do Consorcio o espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo do sábado 24 e as réplicas consecutivas que se farán entre o 25 e o 31 de xullo. En total serán oito días de fogos.

O espectáculo marcará unha viaxe a través da historia e das tradicións que rodean a figura do Apóstolo, o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e Galicia enteira. As luces proxectadas sobre a fachada da Catedral e a música serán o acompañamento aos fogos de artificio. Como novidade este ano, a pirotecnia tamén lanzará os fogos de altura dende a horta do mosteiro de San Martiño Pinario, para ofrecer unha maior visión aos presentes no Obradoiro e ao resto de persoas que agardan en diversos puntos da cidade para gozar co espectáculo.

Como se prevé unha asistencia masiva de cidadáns, visitantes e peregrinos, Baqueiro aconsellou situarse noutros puntos da cidade para gozar dos fogos qe tamén cunha visión excelente, como o Pedroso, a Alameda (Paseo dos Leóns), a zona da residencia presidencial de Monte Pío ou o Monte de Dios (Vite). Ademais, o concelleiro de Festas anunciou que nuns días se fará pública a hora de comezo dos fogos de fin de festa, que se unirán ao gran concerto no Obradoiro de Jean-Michel Jarre.

Os representantes da Pirotecnia Caballer destacaron o nivel do espectáculo pirotécnico de Compostela, un dos "maiores eventos multimedia ao aire libre de España e un dos máis importantes do mundo". Ademais, confían en que a posta en escea sexa unha gran festa, cun gran despregue técnico, con fogos e medios expresivos para contar unha historia "sen necesidade de usar texto escrito ou voz en off", explicaron.

Segundo apuntou Villanueva, a montaxe deste ano logrouse grazas á cooperación entre as diversas administracións (Xunta de Galicia, Consorcio e Concello de Santiago). Ademais, o xerente do Consorcio quixo destacar o valor dos fogos como "unha profunda tradición da realidade histórica de Santiago e das festas do Apóstolo e como un elemento patrimonial". A montaxe da estrutura dos fogos estase a levar a cabo nestes días, cumprindo coas normas de seguridade e protección establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Por outra parte, Ignacio Santos destacou a contribución que o Xacobeo realizou a través dun convenio de colaboración, cunha achega de 100.000 euros, o 28% do orzamento total.

Compartir: