FESTAS

O tradicional Día do Traxe pechará as Festas

22/07/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes e o director de relacións externas de El Corte Inglés en Galicia, José Antonio Blanco, presentaron tamén en rolda de prensa a XXXII edición do Día do Traxe Galego que se celebrará dentro do marco das festas do Apóstolo o sábado 31 de xullo.

Segundo o concelleiro, o Día do Traxe é un acontecemento tradicional destas Festas. "É unha das actividades que forman parte do cartel do Apóstolo, un evento tradicional que se convertiu co paso do tempo nunha cita ineludible para os veciños e turistas de Compostela, no que as rúas da cidade presencian o paso de todos os participantes, ataviados coas súas mellores galas", indicou. Ademais, Baqueiro convidou a toda a xente a participar nesta actividade.

Rita Miramontes fixo un chamamento a toda a cidadanía saia ás rúas ataviada cos típicos traxes galegos e así cumprir o éxito do ano pasado, cando centos de persoas ocuparon as rúas de Compostela vestidos con prendas antigas. Na pasada edición, participaron un total de 27 persoas na categoría individual e un grupo conformado por 72 persoas, os cales levaron ata o Obradoiro incluso carros tirados por bois.

Pola súa banda, José Manuel Blanco resaltou a relevancia deste acontecemento como nexo de unión entre o presente e o pasado. Así, sinalou que, a diferenza doutros sinais de identidade cultural, "o traxe sempre permanece, servindo de contacto co pasado e con nós mesmos". Ademais, Blanco indicou que o traxe galego representa un claro sinal de identidade para a empresa á que representa: o mundo da moda. Por iso, máis que nunca, El Corte Inglés debería chamarse "O corte galego", subliñou Blanco.

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas, para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro; subirá logo polo arco do Palacio ata a praza de Azabachería. Ás 13:15 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 14:00 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará dende aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural Rúa do Vilar, Praterías, Congas e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo, premio de traxe de cotío, e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Haberá un premio especial de 600 euros para o grupo de máis de 10 persoas que asista e outro premio especial de 200 euros para a mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo. Ao final do acto entregaranse os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a banda e grupos de gaitas que os acompañará durante o percorrido tocarán todos xuntos o himno galego como peche da celebración .

Bebe en Compostela para presentar o seu novo traballo
A artista valenciana Bebe visita o venres 23 Compostela para presentar en directo o seu último traballo Y. (Y Punto). Será ás a partir das 23:00 horas na praza da Quintana.

Despois dun longo período sen discos no mercado, Bebe volta aos escenarios co seu segundo traballo musical baixo o brazo. Un disco marcado polo pop minimalista e unhas letras cheas de enerxía e mensaxes sobre a vida cotiá.
As entradas poden mercarse a través de: www.caixagalicia.es e no 902 434 443 a un prezo de 5 € en anticipada e 8 € en taquilla.

Despois do concerto da cantante e actriz valenciana, o ritmo de salsa cubana chegará pasada a media noite na praza do Toural coa actuación do grupo Cuba-Son.

Compartir: