FESTAS

Nova Galega de Danza fusiona música e baile na Quintana co espectáculo "Tradicción"

20/07/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, acompañado polo xerente de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentou no Teatro Principal o espectáculo Tradicción, da compañía Nova Galega de Danza, que se poderá ver o mércores 21, a partir das 23:00 horas, na praza da Quintana. No acto tamén estiveron presentes os directores artísticos da compañía, Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, e o seu director musical, Pedro Lamas. Esta actividade cultural e de ocio está patrocinada polo Xacobeo e conta coa colaboración da Concellaría de Festas.

Segundo indicou Baqueiro, esta compañía de danza mestura o folclore galego coa arte contemporánea e no seu último espectáculo, Tradicción, os directores e membros da compañía introducen unha nova linguaxe coreográfica e musical descoñecida para o público, onde hai "elementos clásicos das raíces galegas e novas formas de expresión modernas".

Santos fixo fincapé no escenario da actuación, a Quintana, como lugar emblemático para unha obra na que se mestura tradición e modernidade. "Este espectáculo contén o espírito que pretende transmitir a programación do Xacobeo, a universalidade", apuntou o xerente do Xacobeo.

Por parte da Nova Galega de Danza, un dos seus directores artísticos, Vicente Colomer, mostrou a emoción que ten a compañía por ofrecer ao público o seu espectáculo na Quintana, agardando caldear o ambiente na súa actuación e chegar aos corazóns de todos os presentes na praza. "Tradicción é unha visión da nosa danza e música tradicionais, unha viaxe que a compañía tivo que facer" , explicou Colemer.

Segundo explicaron, esta é a segunda actuación da Nova Galega de Danza co patrocinio do Xacobeo, tras o seu paso por Ourense. A seguinte cita será en Ferrol, á espera de pechar unha cuarta actuación noutro punto da xeografía galega aínda sen confirmar.

Compartir: