FESTAS

Yolanda Castaño e Jorge Mira convidan a veciños e visitantes a celebrar "a páxina máis alegre do libro vivo de Santiago"

16/07/2010 As Festas do Apóstolo comezaron esta noite co pregón a cargo de Yolanda Castaño e Jorge Mira, que deu paso ao concerto gratuíto do asturiano Melendi. Foi o primeiro dos 16 días de festas que agardan aos composteláns e visitantes, con máis de 20 de actuacións musicais e multitude de actividades.

A parella de pregoeiros escollida para as festas do Ano Santo representou á perfección o espírito do compostelán ou santiagués, como apuntaron no seu discurso. Ao longo dunha media hora, os dous protagonistas do programa da TVG Cifras e Letras, mantiveron unha conversa apaixoada sobre a cidade. A súa vez, fixeron un speech conxunto de diversos temas relacionados con Santiago e, finalmente, mantiveron un debate animado sobre o papel dos números e as letras na cidade.

Tras reclamar a algún dos xogadores da selección española de fútbol que cumpran a súa promesa de facer o Camiño de Santiago e que lle ofrezan a Copa "ao Apóstolo que tanto os axudou", Jorge Mira pediulle tamén ao alcalde que "intente convencer ao Papa para que poña tamén Ano Santo cando o 25 de xullo cadre en mércores", co fin de non ter que agardar tantos anos ata o seguinte.

O pregoeiro fixo un percorrido polos cambios que ten sufrido tanto a universidade coma os peregrinos ao longo destes anos. A continuación tomou de a palabra Yolanda Castaño, quen se referiu a Santiago como "un enorme libro que non deixa de se escribir, un libro de páxinas de séculos de antigüidade repletas de historia e de promesas, acugulantes de misterio e de fortunas, de segredos planetarios agochados baixo un túmulo e de fervores capaces de mover pés durante centos de kilómetros, un libro magnético pero que aínda garda radiantes páxinas en branco, as que seguides a escribir vós, habitantes e visitadores"

A escritora recordou a súa traxectoria vital en Compostela, así como a da súa bisavoa, avoa e nai. Elas son parte do "libro fermoso e valente que é Santiago, coma unha cidade libre onde se é artista con ser paseante, onde se é heroe con ser peregrino e ata os pichos das fontes son ilustrados". "Celebremos hoxe a páxina máis alegre do libro vivo de Santiago, celebremos a inmensa sorte que temos de celebrar Santiago: a cidade máis fermosa e máis milagre do mundo", dixo, para logo convidar a todos a gozar das festas do Apóstolo.

Ás 23:30 horas, Melendi puxo a nota musical nunha ateigada praza do Obradoiro, cun cocerto organizado polos 40 Principales e patrocinado pola Concellería de Festas de Santiago e o Xacobeo. O cantante asturiano presentou os temas do seu último traballo, Curiosa la cara de tu padre.

Invitados vascos e portugueses nas xornadas de folclore
Como todos os anos, dentro do marco das Festas do Apóstolo inclúense as Xornadas de Folclore Galego, que se celebrarán durante dous días (sábado 17 e domingo 18). Este evento cultural, que este ano cumpre a súa XXXXII edición, está xa asentado na cidade e pretende atraer aos grupos máis representativos do folclore tradicional galego. Como novidade, este ano participarán dous grupos de fóra de Galicia.

A xornada do sábado comezará cun pasarrúas a cargo do grupo vasco de danzas Meatzaldeko Harrigorria entre ás 12:00 e as 13:00 horas. Acompañados por un grupo galego de gaitas, irán de Cervantes ao Toural, pasando por Caldeirería, rúa da Conga e rúa Nova. O festival dará comezo ás 21:45 horas cun desfile dende o Paseo Central da Alameda ata a praza da Quintana.

Bailarán cada xornada tres grupos no escenario da Quintana dende as 22:30 horas. O sábado participan Cantigas e Agarimos (Santiago), Xeitosos de Trazo e grupo de danzas Meatzaldeko Harrigorria (Gallarta-Bizkaia).

Xa o domingo, os grupos encargados de animar na Quintana serán: Brincadeira (Santiago), Agrupación Folclórica Colexiata do Sar (Santiago) e Rancho Folclrórico de Fafe (Fafe-Portugal).

Música e bailes latinos na Alameda
A xornada do sábado 17 comezará coa final do XXXII Campionato de Chave masculino e co IV Campionato feminino. No Paseo da Ferradura, a partir das 19:45 horas, competirán 32 parellas masculinas e 8 femininas.

No apartado musical, dende as 20:30 horas e ata máis alá das tres da madrugada, os forofos do baile poderán ver a auténticos profesionais no Paseo Central da Alameda co espectáculo Espírito Latino. Na carpa acturán dous grupos de música latina, Cuba-Son e Café Brasil, con dous pases diarios e a animación de Dj’s nos descansos. Como especialistas en bailes latinos, o mércores 21 actuará un grupo de cinco bailarinas, Brasílica, con dúas exhibicións de media hora. Segundo explicou o organizador da carpa, Miguel Martín, haberá tamén clases de baile todos os días a cargo do grupo Sabor Latino e exhibición de capoeira o sábado 17 e o xoves 22 da man do grupo Nagó.

Documentos relacionados



Compartir: