FESTAS

O Apóstolo comeza co pregón de Yolanda Castaño e Jorge Mira e a música de Melendi

15/07/2010 As Festas do Apóstolo 2010 comezan este venres coa habitual lectura do pregón de inicio de festas. Este ano, a velada comezará ás 21:30 horas, con vídeos musicais e a actuación, ás 22:00 horas, do grupo vigués Martynez.

Xa ás 23:00 horas terá lugar o pregón da man dos galegos Yolanda Castaño e Jorge Mira. Esta parella é coñecida por participar no programa da TVG Cifras e Letras. Yolanda Castaño é poetisa e crítica literaria en lingua galega e Jorge Mira é físico, investigador, divulgador científico e colaborador en diferentes medios de comunicación.

Rematado o pregón, momento para a música de Melendi. Este concerto forma parte da Xira 40 en Xacobeo, que xa levou Efecto Mariposa a Lugo e Macaco a Ourense. O asturiano presentará na cidade os temas do seu último álbum Curiosa la cara de tu padre. O concerto do artista asturiano, organizado polos 40 Principales, está patrocinado pola Concellería de Festas de Santiago e o Xacobeo.

Pola tarde, as actividades comezan na Alameda no Paseo da Ferradura coas semifinais do XXXII Campionato de Chave masculino e feminino. Ademais, os ritmos latinos non faltarán neste primeiro día de festas coa inauguración de Espirito Latino nunha carpa situada na Alameda, que contará con música e bailes, capoeira, disc-jockeys e a actuación dos grupos Cuba-Son e Café Brasil, os cales realizarán dous pases diarios durante as dúas semanas de festa.

Entradas para os concertos
Os interesados xa poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos. As actuacións de Bebe e Amen Gospell Choir pódense adquirir a través da web de www.caixagalicia.es e no 902 434 443; para o espectáculo de Aida Gómez, Carmen de Bizet en www.caixanova.es e no 902 504 500; e para o concerto de Pereza en www.servicaixa.com ou a través da taquilla telefónica no 902 332 211. Ademais, a partir do luns 19 poderanse mercar na taquilla do Teatro Principal en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: